Pastar ou non Pastar. Cal é a cuestión?

Pastar. Que é pastar? De “pasto” derivan dúas palabras: ‘pastar’ e ‘pastorear’. O dicionario da Real Academia Galega define ‘pastorear’ como “Levar [o gando] ao pasto e coidalo mentres está pacendo”. E velaquí reside a primeira parte da cuestión. Por outra banda, ‘pastar’ aplicado ao gando, significa “Comer a herba dun prado ou monte”. O pastoreo é, polo tanto, un traballo en equipo, con dúas partes igualmente importantes, imprescindibles na produción do Leite de Pastoreo.

Producir Leite de Pastoreo Certificado é algo máis que alimentar as vacas con herba. É un compromiso coa alimentación natural, coa calidade e coa gandaría tradicional. O Leite de Pastoreo Certificado que Larsa emprega para elaborar os seus produtos abrangue un esixente proceso, dende o coidado dos pastos ata o envasado.

O leite certificado dende a orixe

Larsa recolle o leite de pastoreo en máis de 400 explotacións gandeiras das mellores zonas produtoras de Galicia. Son granxas de tamaño medio, con rabaños de entre 15 e 100 vacas.

Estas explotacións están certificadas por SGS (anteriormente, Société Générale de Surveillance), unha entidade líder no sector da verificación da calidade. SGS encárgase de asegurar que tanto as granxas coma nós cumprimos cos requisitos do Leite de Pastoreo durante todo o ano.

Requisitos do Pastoreo certificado

Cales son eses requisitos? Detallámoschos.

Pastoreo: O primeiro é o que recolle o dicionario na acepción relativa a ‘pastorear’. As vacas deben ser conducidas ao prado para que coman na herba e noutros vexetais no mesmo lugar en que se producen. Isto supón que as vacas comen ao seu ritmo e no seu hábitat natural, que se moven a pracer. É unha das principais diferenzas coas explotacións industriais, nas que as vacas son alimentadas en comedeiras nas que apenas se poden remexer.

Os pastos: a alimentación é clave pero tamén a contorna. O certificado Leite de Pastoreo esixe que os prados teñan unha carga máxima de 2,5 Unidades de Gando Maior en muxidura por hectárea. As Unidades de Gando Maior son vacas adultas, e esta regra establece que nunha superficie equivalente a un campo de fútbol profesional debe haber menos de tres vacas. Iso non quere dicir que non se poidan reunir, senón que o espazo dispoñible debe ser así de largacío.

Herba abonda: Moi unido ao anterior, está a calidade do pasto. De nada serviría que as vacas dispuxesen de moito espazo de terreo se este non dá pasto para comer. O certificado do Leite de Pastoreo esixe que a herba teña unha altura media de 5 centímetros. Para isto os gandeiros deben ter coñecementos sobre manexo de pastos e como xestionalos para que a herba medre e se rexenere.

Alimentación complementaria: precisamente porque ás veces o clima non permite saír ao prado, as vacas aliméntanse ademais con complementos naturais; normalmente de herba, que os gandeiros apañan en épocas estivais para elaborar forraxe.

Caderno de pastoreo: e todo isto, como se controla? SGS ten inspectores que se encargan de vixiar que todos os que participan neste proceso cumpran coas normas de certificación. Por iso, e para facilitar que o control sexa exhaustivo, as explotacións coas que Larsa traballa están obrigadas a levar ao día un caderno de pastoreo e un rexistro do número de vacas da explotación, que inclúa:

  • Carta de cualificación sanitaria vixente.
  • Libro oficial da explotación.
  • Formación en manexo de pastos. 

Os datos: que debe recoller este caderno?

  • Datos xerais da explotación.
  • Identificación das parcelas da explotación dedicadas a pastoreo e a cultivos forraxeiros.
  • Rexistro diario de pastoreo no que se indicará para cada día do mes o nome da parcela, as horas de pasto, número de vacas totais en lactación e o número de vacas en lactación que saen a pasto.
  • Resumo anual de pastoreo, onde se recollen o número de horas mensuais e días totais de pastoreo ao ano.

Garantía de calidade

E cal é o papel de Larsa en todo isto? Ademais de recoller o Leite de Pastoreo de forma regular nas explotacións, asegurarse de que este preserva as súas condicións únicas no seu procesado.

Por outra banda, Larsa ofrécelles un servizo de asesoramento aos gandeiros que inclúe a atención sanitaria e veterinaria, a cobertura de seguros e a xestión económica e técnica para garantir a sostibilidade ambiental e económica das explotacións.

O Leite de Pastoreo é un leite de máis alto valor engadido, de calidade e sabor superiores que asegura o benestar animal. As vacas de pastoreo viven entre 8 e 10 anos, unha lonxevidade inalcanzable nunha explotación industrial. Esta aposta permite, ademais, retribuír mellor o esforzo dos gandeiros e estimular a gandaría tradicional.

1086