Antollos Larseiros

Antollos Larseiros

Dende Larsa queremos recuperar os sabores de sempre, esas receitas tradicionais con matices únicos que nos transportan a outra época e que teñen a capacidade de facernos revivir as lembranzas máis doces. Con esa intención nacen os nosos antollos Larseiros, produtos perfectos para deleitar o noso padal e amolecer o noso corazón. O leite con Castañas é o primeiro destes antollos. Trátase dunha receita de toda a vida, con produtos autóctonos: preparada con leite de pastoreo e con castañas dos montes galegos. Non pode faltar na túa despensa!

Leite con Castañas

Unha receita de longa elaboración da que agora podes gozar en calquera momento

Sacia os teus antollos con leite de pastoreo!

Os antollos Larseiros prepáranse con leite de pastoreo 100 % galego. En Larsa sabemos que a gandaría tradicional, cos procesos e ritmos que se levan desenvolvendo dende hai séculos na nosa terra, dá como resultado unha materia prima excepcional. Por iso somos a primeira marca de Leite de Pastoreo Certificada por SGS S.A.: porque apostamos por unha gandaría sostible e respectuosa.

As nosas vacas pastan felices e en liberdade nos verdes prados galegos e iso nótase no resultado. Por iso os nosos Antollos Larseiros están tan bos: porque recuperan os sabores tradicionais coa mellor materia prima; a nosa materia prima.

Ideais para adozar a vida

As receitas dos nosos Antollos Larseiros están pensadas para che adozar a vida de forma saudable. A primeira incorporación a esta gama de produtos foi o Leite con Castañas. Unha sobremesa tradicional que cada vez se consumía menos na nosa terra, en parte polo tempo de elaboración da receita. As castañas tardan case unha hora en cocer, ademais do tempo que leva debullalas. Dende Larsa quixémosche poñer as cousas máis doadas ofrecéndoche esta sobremesa saudable e natural xa lista para consumir.

O desenvolvemento deste produto naceu dentro do noso certame Premio Innovación Saludable/Saudable co que se pretende promover a creación de novos produtos que contribúan á mellora da saúde. Unha aposta pola innovación que non prescinde da tradición nin do sabor que buscan os consumidores en toda a gama Larsa. Esperamos que che gorenten tanto coma a nós!

Esta página web utiliza cookies propias y de terceros. Si sigue navegando por la página, significa que está de acuerdo y acepta nuestra Política de cookies.