Hamburguesa rechea de queixo San Simón Afumado en taco e cebola caramelizada

Hamburguesa clásica mellorada con corazón galego e suave: Un recheo cremoso con ese toque tan noso do Queixo San Simón Afumado en Taco Larsa e todo o sabor do Pastoreo

Notas de interese / Consellos

Revoluciona o sabor da tradicional hamburguesa engadindo o noso Queixo San Simón Afumado en taco, elaborado con Leite de Pastoreo Larsa, e o toque da cebola caramelizada. Queres un consello? Cando comeces a cociñar as hamburguesas, ten a man unha tapa para a tixola para lograr que o queixo se funda moito máis. Segue lendo e contámosche como facelo!

Alérxenos

Lactosa, glute

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

(Para 4 hamburguesas)

 

  • 600 g de carne picada
  • 1  Queixo San Simón Afumado en taco Larsa
  • 2 ovos
  • 3 cebolas (tranquilo, Larseiro, reducen moito o seu tamaño)
  • Pirixel
  • 30  g de pan relado
  • Allo
  • Sal/Pementa
  • Aceite de oliva
  • Auga
  • Boliños de pan

Elaboración

Comeza coa cebola caramelizada, xa que é un proceso máis longo. Pon unha tixola ao lume con aceite que cubra todo o fondo e deixa que se quente a temperatura media.

Pica as tres cebolas en tiras e, cando as teñas, vérteas na tixola. Remove cando en cando cunha culler de madeira, para que non se peguen nin se queimen

Baixa o lume e deixa que as tiras de cebola collan a cor dourada que as caracteriza. Segue removendo e controlando que nada se queime. Cando as cebolas reduzan o seu tamaño á metade, engade dúas culleradas de auga e segue removendo. Finalmente engade un chisco de sal, e reserva!

Agora comeza coa preparación das hamburguesas. Mestura nun recipiente a carne picada, ovos, pan relado, allo (ben picadiño), pirixel e intégrao todo.

Separa pequenas porcións desa mestura para facer a forma da hamburguesa. Agora é o momento de integrar o queixo. Unha vez que fagas a forma dunha “pequena bóla” con cada unha das porcións, corta o Queixo San Simón Afumado de Larsa en anacos pequenos e introduce un ou dous anacos no medio da carne de cada hamburguesa. Volve a darlles forma se fose necesario.

Cando teñas as 4 bólas preparadas, “esmágaas” lixeiramente para facer a forma da hamburguesa e que así sexa moito máis fácil cociñalas e derreter o queixo do seu interior. Podes “pintar” a hamburguesa por fóra cun pouco de ovo para que quede máis vistosa, pero isto é opcional.

Verte un pouco de aceite nunha tixola e empeza a cociñar as hamburguesas a lume medio só por unha banda, uns 5 minutos. Cando estea dourado, dalle a volta e repite o proceso.

Cando teñan cor dourada retíraas do lume e déixaas sobre un prato con papel de cociña para que se absorba o aceite sobrante. Mentres tanto, prepara os boliños de hamburguesa e deposita en cada un deles a cebola caramelizada que tiñas reservada.

Como paso final para gozar desta saborosa comida ou cea, pon a hamburguesa en cada boliño e saborea a combinación de sabores (carne, Queixo San Simón Afumado en taco con Leite de Pastoreo Larsa e cebola caramelizada). Non se nos ocorre nada mellor!

E se es e desas persoas que non conciben unha hamburguesa sen a súa leituga ou tomate, podes engadilos a esta receita e adaptala aos teus gustos ou aos dos teus invitados.

1327