En Larsa falamos moito acerca do réxime de Pastoreo. Un sistema no que cremos e apostamos para producir todos os nosos produtos.
Larsa é a primeira marca de Leite que obtivo en Galicia o selo SGS que certifica que todo o noso Leite é producido por vacas de Pastoreo. Pero, que significa isto realmente?
Sabemos que xorden numerosas dúbidas relacionadas co réxime de Pastoreo. Por iso, queremos aclarar que é o Pastoreo e onde e de que maneira pastan as nosas vacas. Segue lendo para coñecer todos os detalles!
Características do Pastoreo
O Pastoreo é un modelo natural asentado na tradición de Galicia. A gandería en réxime de Pastoreo permite que todas as vacas pasten ao aire libre, ao seu ritmo e sen estrés, sendo completamente libres de exercer os seus hábitos naturais.
O modelo actual de Pastoreo foise mellorando, aumentando a profesionalización dos gandeiros e dos pastos, o que implica unha mellor xestión e un produto de maior calidade.
O tempo mínimo de Pastoreo é de 120 días, 6 horas ao día nos últimos 12 meses.
Pastos: como son e características
As vacas de Pastoreo saen a pastar ao aire libre todos os días, se fai bo tempo. Os pastos, que se atopan repartidos ao redor do territorio galego, contan con herba fresca e abundante con polo menos 5 centímetros de alto.
Día a día, as vacas son conducidas aos pastos, onde poden moverse libremente.
En determinadas épocas, nas que as vacas non poden saír a pastar libremente debido ás condicións meteorolóxicas adversas, son alimentadas con outras forraxes e concentrados, colleitados en épocas estivais.
Ademais, todas as vacas en réxime de Pastoreo dispoñen de moito espazo para pastar ás súas anchas. E é que, para ser consideradas vacas de Pastoreo deben contar con polo menos unha hectárea de terreo por cada 2,5 exemplares adultos. Sabedes o que significa iso? Menos de 3 vacas nun campo de fútbol!
Control de pastos
Ser gandeiro de Pastoreo certificado é algo moi serio. Todos dispoñen de formación en manexo de pastos. Ademais, deben dispoñer dunha carta de cualificación sanitaria e un rexistro escrupuloso coas necesidades sanitarias de cada vaca. Todo iso queda anotado no Caderno de Pastoreo.
Todo debe documentarse, indicando, para cada día do mes, o nome da parcela, as horas de pasto, número de vacas totais en lactación e o número de vacas en lactación que saen ao pasto. No Manual de Pastoreo podes coñecer en detalle todos os procedementos e rexistros.
Onde se atopan os nosos pastos?
Todos os produtos de Larsa están elaborados con Leite 100% galego, 100% de Pastoreo, que se recolle en máis de 500 ganderías repartidas por diferentes áreas do territorio galego. Tanto as ganderías como os gandeiros están certificados en réxime de Pastoreo de tamaño medio.
Isto quere dicir que os rabaños están compostos de entre 15 e 100 vacas, esixindo unha maior atención e coidado para cumprir cos máis altos estándares de calidade.
Como é o día a día nos pastos?
A vida nos pastos é moi tranquila. As vacas pastan, sen estrés nin abafos, gozando das vistas do territorio galego.
As vacas son muxidas á primeira hora da mañá. Posteriormente, saen aos prados onde pastan libremente durante todo o día, gozando dunha gran calidade de vida. A última hora da tarde, as vacas regresan a casa para un novo muxido. Tras o muxido, descansan tranquilamente ata o día seguinte, onde volverán saír a gozar do aire libre.
De forma regular, Larsa recolle o Leite nas explotacións gandeiras, asegurándose de que o seu procesado cumpra as máis excelentes calidades do produto.
Que supón todo isto?
A gandería en Pastoreo é o ser e facer de Larsa. Un sistema que produce alimentos sans e de calidade, onde as vacas crecen felices e sen estrés. Ademais, o Pastoreo promove a diversidade natural, a prevención de incendios e a rexeneración do chan.
É por iso, polo que podemos considerar o Pastoreo como un sistema sostible a través do cal se produce un produto cun alto valor engadido. Un Leite de Pastoreo contén unha calidade e sabor superiores. Se fas a proba, notarás o corpo, textura e sabor que diferencian ao Leite 100% de Pastoreo e ao leite de ganderías industriais.
Dicir si ao Pastoreo é dicir si á túa saúde, ao coidado das vacas e o respecto pola natureza.