Queixería Larsa, unha historia cargada de sabor… E moitas sorpresas

Primeira elaboración de queixos de Larsa en Granxa Arjeriz

É probable que te criaras merendando bocadillos con Queixo de Barra Larsa ou que non aceptes outro queixo para a túa pizza que as lonchas do noso Clásico ou es de quen alegra as ensaladas con Queixo de Bóla… Pero, sabes canto leite empregamos para elaborar os teus queixos favoritos? Ou quen fixo os primeiros queixos San Simón? Ou que a historia de  Larsa empezou cun queixo?

Queixería Larsa ten unha historia moi saborosa e algunhas sorpresas que seguro que non coñecías.

O queixo favorito dos  Larseiros é o queixo de barra en lonchas, o que podes atopar ao corte na túa chacinería ou tamén envasado na sección de refrixerados, pero non foi o primeiro.

O primeiro queixo Arzúa profesional e de gran éxito

O primeiro queixo Larsa foi unha innovación na súa época, o primeiro do tipo Arzúa plano elaborado de forma profesional. Profesional pero case artesanalmente, porque non comezou nunha fábrica, senón no domicilio de Don José, propietario da Granxa Arjeriz no municipio lugués de Chantada. Como todos os nosos queixos, foi unha historia de éxito que sentou as bases do que hoxe é  Larsa e Queixería Larsa.

Diso hai nin máis nin menos que 87 anos. Corría o ano 1933 e a elaboración era practicamente artesanal, sen a tecnoloxía ou automatizacións que empregamos hoxe en día, pero como xa é norma en Larsa, coa mesma receita de sempre e o mellor Leite de Pastoreo 100% galego. Por iso os nosos queixos teñen ese intenso sabor tan…  Larsa.

 Curados ao abeiro dunha igrexa

A aceptación que tivo aquel primeiro queixo levou á construción da Granxa Arjeriz que concentrou a elaboración dos primeiros queixos que hoxe compoñen Queixería Larsa. Nos anos 40 comezamos a elaboralos en Vilagarcía. E o proceso foi idéntico: D. Antonio Rodríguez, logo propietario da fábrica de Lactoagrícola  Rodríguez S.A. (Larsa) de Vilagarcía de Arousa comezou a elaborar queixos de forma profesional na súa casa e atopou na igrexa que tiña na mesma leira as condicións de temperatura e humidade ideais para curar aqueles primeiros queixos, tamén de tipo Arzúa.

Non nos importa presumir un pouco de que tamén aquel queixo foi un éxito de vendas que en 1947 levou á construción da fábrica actual. En poucos anos xa tiña 300 traballadores, adicados non só aos queixos senón tamén ao envasado de leite e outros derivados. A partir de entón, fixemos practicamente todo tipo de queixos: frescos, curados, Tetilla, Arzúa, planos, de Bóla, en barra con diferentes tamaños, queixo tenro e mesmo requeixos. Pero tamén San Simón. E no San Simón Larsa atopamos outra historia de innovación sorprendente.

Queixo San Simón, unha innovación moi  Larseira

Sabías que a de Larsa foi a primeira Queixería en lanzar o queixo San Simón de forma profesional? Por entón, era un queixo que se producía en pequenas queixerías do norte de Lugo. E o seu éxito foi rotundo, tanto que chegou a exportarse a México,e Estados Unidos, dous destinos que superaron de moi longo as vendas que acadamos en Galicia. En Larsa adaptámonos para iso aos gustos dos nosos consumidores alén do Atlántico, que demandaban un queixo máis afumado, polo que a súa cortiza era moito máis escura.

9 litros de leite por quilo de queixo

Moito choveu desde aqueles primeiros pasos da Queixería Larsa, pero seguimos utilizando a mesma materia prima, Leite de Pastoreo 100% galego da máis alta calidade e a mesma receita. O crecemento, a conveniencia de automatizar procesos e cumprir cos requisitos de calidade alimentaria que nos esixen os nosos clientes e as autoridades sanitarias leváronnos a facer diversas ampliacións e melloras na nosa planta de queixos de Vilagarcía. As últimas, en 1992, 1997 e 2016.

Como xa che avanzamos, Larsa é marca líder en vendas de queixo de barra e loncheados de Galicia. E encántanos ser o sabor favorito de tantas e tantas familias. Se cavilas como o conseguimos, podemos dicirche que ademais da mellor materia prima empregamos uns 9 litros de leite para elaborar un só quilo de queixo. E ata aí podemos contarche porque a receita aínda que segue sendo a mesma, non podemos revelala!

Queixo con… cervexa, albariño ou froitos secos?

Se che sorprendeu a nosa aposta pola innovación co iogur de Sobremesa Licor Café, quizais deberías saber que na nosa planta de queixo tamén fomos moi atrevidos. O noso departamento de I+D desenvolve constantemente novas fórmulas, algunhas delas ben sorprendentes. Apeteceríache probar un queixo Larsa con cervexa, con albariño, froitos secos, especias ou mesmo, con olivas?

De momento, terás que agardar, pero non queriamos deixar de lembrarche que o noso gusto pola tradición e por manter as receitas durante décadas nunca estivo rifado con explorar novos camiños. Como demostramos recentemente co noso Queixo semicurado en barra ou os nosos Queixos San Simón Afumado e O Pazo en taco, elaborados con Leite de Pastoreo. Podes dar por feito que sexa do que sexa, o noso queixo coma os nosos iogures e o Leite de Pastoreo Certificado Larsa saberán a queixo, a iogur e a leite de verdade, porque todo o que é de verdade acaba gañando.

 

 

1176