Larsa e a Universidade de Santiago de Compostela convocan a II Edición de “Impulsando Galicia”

Os premios promoven o emprendemento mediante a busca de proxectos de innovación tecnológica, produtos, ingredientes ou procesos que fomenten a saúde a través da nutrición

A eles poderán presentarse estudantes, titulados universitarios ou mozos e mozas emprendedores en todo o territorio nacional

Hoxe foi presentada na factoría de LARSA en Lugo a II Edición dos Premios Innovación LARSA en Alimentación Saudable «Impulsando Galicia», convocados conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela e coa colaboración das Universidades da Coruña e Vigo.

O acto contou coa presenza da Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, o Director Xeral de LARSA, José Armando Tellado, a Secretaria Territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Marta Barreiro, e o gañador da 1.ª Edición do Concurso, Pablo Fraga.

Estes premios naceron no 2017 co obxectivo de fomentar a saúde a través da nutrición e hábitos de vida saudables, así como de recoñecer aquelas propostas que promovan a innovación na industria láctea, o desenvolvemento de novos produtos ou novas tecnoloxías, innovacións no punto de venda, en procesos, ingredientes, gandarías, etc.

O Director Xeral de Larsa, José Armando Tellado, salientou a aposta da compañía por «fomentar o emprendemento e dar valor compartido nun sector agroalimentario sostible, facendo realidade iniciativas novas en alimentación dende Galicia e dende a Universidade, incorporando o talento académico ao sector comercial e industrial». Así mesmo, fixo referencia ao gañador do ano pasado, Pablo Fraga, «un enxeñeiro agrónomo que, grazas a Impulsando Galicia, viu feito realidade o seu proxecto dun produto novo con todo o sabor galego».

LARSA e a Universidade de Santiago buscan fomentar o emprendemento a través destes galardóns aos que poden acceder estudantes universitarios, titulados, Universidades ou calquera dos seus departamentos, mozas e mozos emprendedores, sociedades mercantís, etc.

A convocatoria ten ámbito nacional e desenvólvese co apoio das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

A selección dos proxectos articúlase en dúas fases. Unha primeira na que os participantes, ademais de se inscribiren antes do vindeiro 25 de abril, deberán presentar unha breve proposta inicial, tendo como prazo máximo ata o próximo 2 de maio.  A partir desta data, os traballos seleccionados pasarán a unha segunda fase na que se deberá concretar a innovación que se quere desenvolver, así como realizar un prototipo desta innovación que será valorado a partir do 15 de setembro por un xurado interno da compañía, xunto con dous profesores da Universidade de Santiago, en función da súa orixinalidade, viabilidade, grao de innovación, contribución á mellora da saúde e diferenciación.

Os proxectos mellor valorados recibirán unha dotación económica de 5000 euros para o primeiro premio, 3000 euros para o segundo e 1000 euros para o terceiro. Ademais, se LARSA decide executar algún dos proxectos gañadores, ha aboarlle ao autor, durante un prazo de 3 anos, a cantidade anual correspondente ao 20 % dos beneficios xerados pola innovación.

Os gañadores faranse públicos no outono, logo de puntuados e valorados polo xurado.

Na pasada edición o xurado outorgoulle o primeiro premio Innovación Saudable Impulsando Galicia á sobremesa «Leite con castañas», creada por Pablo Fraga Gontán, un enxeñeiro agrónomo de Lugo que, ademais de recibir o recoñecemento e a dotación económica do galardón, viu feita realidade a súa idea grazas ao apoio de LARSA.

En base aos baremos establecidos nas bases da convocatoria: orixinalidade, viabilidade, grao de innovación da proposta, contribución do proxecto á mellora da saúde e hábitos de vida, relación do proxecto cos valores e produtos da entidade promotora e diferenciación con respecto aos existentes no mercado, o xurado elixiu aos seguintes finalistas:

PRIMEIRO PREMIO
Antón Polo Fernandez
Brais Pérez Fernandez
Roberto López Toja

SEGUNDO PREMIO
Paula Castrillo Aldecoa
Laura Sanjulián Fernández
Andrés Martínez Sanchez
Aida Vega Galan

TERCEIRO PREMIO
Paula Carrera Fernández
Sergio Sanatorio Aldariz
Lucía Argiz Montes

LARSA, comprometida cos gandeiros Galegos

LARSA é unha marca láctea galega comprometida cos gandeiros e adherida ao Convenio «Productos Lácteos Sostenibles», promovido polo Ministerio de Agricultura co obxectivo de fomentar un comercio sostible do sector lácteo. LARSA é líder no segmento do leite en brik da rexión e fabrica iogures en Galicia, onde lidera as vendas deste produto. LARSA é o maior anunciante lácteo galego, cunha factoría produtora de leite en Lugo e outra encargada da produción de iogures e queixos en Vilagarcía de Arousa. Os produtos LARSA están recibindo o recoñecemento nacional e internacional nos máis prestixiosos certames agroalimentarios. LARSA experimentou unha modernización no seu posicionamento como marca saudable de Galicia que se adapta aos novos estilos de vida dos galegos.

Más información en www.leitelarsa.es

 Prensa: Manuel Reinerio Fernández Cabal –TEL.: 669 679 997

Ver Acta

Consultar Bases