Solombo de porco en salsa de nata e champiñóns

O mellor ingrediente para acompañar ao solombo? A nosa nata para cociñar!

Notas de interese / Consellos

Esta receita de solombo de porco en salsa de nata e champiñóns é un prato sinxelo de preparar, delicioso e perfecto para calquera celebración. Podes elaborar esta receita con todo tipo de carnes, pero o solombo, en medallóns ou en dados, é a carne máis tenra e zumarenta. É importante respectar os tempos de cocción para gozar do teu solombo de porco no punto perfecto.

Alérxenos

Lácteos.

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 2 solombos de porco  
  • 350 g de champiñóns  
  • 300 ml de nata para cociñar  
  • Aceite de Oliva Virxe Extra  
  • Un vasiño de viño branco  
  • 1 cebola  
  • Sal  
  • Pementa negra

Elaboración

Para comezar, corta os solombos de porco en medallóns.

Pon unha tixola a lume alto cun pouco de aceite. Cando o aceite estea quente, sela os solombos de porco. Salpiméntaos e resérvaos.

Pica a cebola e rústrea no mesmo aceite. Remove de cando en vez para evitar que se queime.

Cando a cebola comece a dourarse, lamina os champiñóns e engádeos á tixola.

Non deixes de remover os champiñóns. Agrega o viño branco e déixao cociñar ata que reduza.

Engade a nata para cociñar e remove moi ben para ligar todos os ingredientes da salsa.

Por último, volve meter os medallóns de solombo de porco na tixola coa salsa de nata e champiñóns a lume baixo durante 15 minutos para que se acaben de cociñar. Emprátao e… Bo proveito!

809