Biscoito de vainilla: o sabor de sempre, agora máis esponxoso con iogur de Pastoreo Larsa

Se hai un sabor en Larsa que nos acompaña desde pequenos, ese é o de vainilla. E se falamos de vainilla en Larsa, falamos dun dos nosos produtos máis emblemáticos: o noso Iogur sabor vainilla de Pastoreo Larsa, todo un clásico entre os nosos larseiros. 

Este biscoito de vainilla é unha receita sinxela, caseira e das que sempre triunfan. Un biscoito esponxoso, zumarento e cun aroma irresistible, perfecto para almorzos, merendas ou como sobremesa para compartir en familia. Grazas á textura cremosa do noso iogur, grazas ao Pastoreo Larsa, o resultado é un biscoito co sabor de Larsa de sempre. 

Ademais, non fai falta ser un experto en repostaría nin pasar horas na cociña para poder facelo. Con poucos ingredientes de calidade e un pouco de agarimo, terás listo un biscoito que, sen dúbida, conquistará a todo o mundo. E é que hai receitas que non precisan reinventarse, só utilizar bos ingredientes… E aí é onde o noso Iogur sabor vainilla de Pastoreo Larsa marca a diferenza 😉. 

Ingredientes

Para un biscoito dunhas 6 racións:

  • 4 ovos tamaño medio 
  • 250 g de azucre 
  • 180 g de fariña de trigo 
  • 125 ml de aceite 
  • 1 sobre de fermento químico 
  • 1 culleradiña de aroma ou extracto de vainilla 
  • 1 chisco de sal 

Para o glaseado de vainilla (opcional)

  • 3 claras de ovo 
  • 350 g de azucre glas 
  • 1 culleradiña de aroma de vainilla 

Biscoito de vainilla con iogur Larsa paso a paso

Agora que xa temos todos os ingredientes listos, imos poñernos mans á obra con este irresistible biscoito. 

  1. Comezamos prequentando o forno a 180 ºC, con calor arriba e abaixo, sen ventilador. Mentres tanto, preparamos un molde para biscoito, forrándoo con papel de forno ou engraxándoo cun pouco de aceite e fariña.
  2. Nun bol amplo, batemos os ovos co azucre ata que a mestura estea ben integrada e lixeiramente espumosa. Non é necesario montalos; abonda con que estean ben mesturados para conseguir unha textura máis aireada.
  3. Seguidamente, engadimos o noso Iogur sabor vainilla, o aceite, o chisco de sal e o extracto de vainilla. Mesturamos ben ata obter unha masa homoxénea e moi aromática. O iogur achega cremosidade e ese sabor sublime a vainilla que fai tan especial este biscoito.
  4. Peneiramos a fariña xunto co fermento e incorporámola pouco a pouco á mestura. Remexemos suavemente cun batedor de varas ou unha espátula, evitando bater en exceso para que o biscoito quede tenro e esponxoso.
  5. Se tes 15–20 minutos, deixa repousar a masa na neveira; non é obrigatorio, pero axuda a que o biscoito medre de xeito máis uniforme.
  6. Vertemos a masa no molde, enchéndoo só ata ¾ da súa capacidade, xa que durante o enfornado o biscoito medrará. Alisamos lixeiramente a superficie.
  7. Introducimos o molde no forno e enfornamos durante 40 a 45 minutos, dependendo de cada forno. É importante non abrir a porta durante os primeiros 30 minutos para evitar que o biscoito baixe.
  8. Unha vez pase o tempo de enfornado, comprobamos se está listo picando o centro cun escarvadentes. Se sae limpo, o biscoito está perfecto. Se non, enfornámolo uns minutos máis e volvemos comprobar.
  9. Sacamos o biscoito do forno e deixámolo arrefriar completamente antes de desmoldalo. E listo! Agora é a quenda de gozar deste biscoito de vainilla. 

Glaseado de vainilla paso a paso

Este biscoito de vainilla elaborado co noso iogur está delicioso por si só, pero se queres darlle un toque especial, o glaseado de vainilla é o complemento perfecto. 

  1. Comezamos batendo as claras ata que estean brancas e espumosas, sen chegar a montalas a punto de neve.
  2. Engadimos pouco a pouco o azucre glas e a vainilla, batendo ata conseguir un glaseado espeso e brillante.
  3. Vertémolo sobre o biscoito xa frío e deixamos repousar uns minutos antes de servir. E listo! Así de fácil. 

Truquiños larseiros para un biscoito perfecto

  • Utiliza os ingredientes a temperatura ambiente para que se integren mellor. 
  • Non batas en exceso a masa unha vez engadida a fariña. 
  • Cada forno é diferente, así que confía na proba do escarvadentes. 
  • Se o biscoito se doura demasiado rápido, cóbreo con papel de aluminio nos últimos minutos. 
  • Grazas ao Pastoreo Larsa, o Iogur sabor vainilla achega unha textura especialmente zumarenta que se mantén durante varios días. 

Con que podes acompañar este biscoito de vainilla?

Este biscoito é tan versátil que encaixa en calquera momento do día. Algunhas ideas para desfrutalo ao máximo son: 

  • Como merenda para os pequenos larseiros: unha alternativa caseira moito máis natural que a bolaría industrial. 
  • Con froita fresca: as fresas, plátanos ou froitos vermellos achegan un contraste delicioso. 
  • Nun momento de relax: acompañado dun café ou dunha infusión. 

Iogur sabor vainilla de Pastoreo Larsa, o de toda a vida e o favorito de moitos, é o protagonista indiscutible desta receita. O seu sabor e a súa textura cremosa fan que o biscoito quede zumarento, tenro e con ese sabor de sempre, que apetece en calquera momento do día. 

Así que xa o sabes: pon o mandil, acende o forno e anímate a preparar este biscoito de vainilla. Un clásico caseiro que sabe a fogar e que é perfecto para compartir… E para repetir sen remordementos. A desfrutar, larseiros! 😉. 

568