Receita de crema de cabaza

A mellor receita para a noite máis terrorífica do ano ou para un xantar ou cea outonal

Notas de interese / Consellos

Todas as cremas de verduras poden prepararse sen nata, pero se engadimos este ingrediente darémoslle un toque cremoso e un extra de sabor. Esta crema de cabaza é unha receita sinxela e perfecta para aproveitar produtos de tempada e proximidade como poden ser as cabazas no outono. Aínda se non es moi fan da cabaza, dálle unha oportunidade. Vaite sorprender!

Alérxenos

Lactosa

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 1 kg de cabaza
  • 400 g de pataca
  • 1 dente de allo
  • 1/2 cebola
  • 200 ml de Nata para cociñar Larsa
  • Aceite de oliva virxe extra
  • Sal
  • Pementa

Elaboración

O primeiro paso desta receita é lavar, pelar e cortar a nosa cabaza. Vai a modo e con tento co coitelo, que a pel da cabaza é un pouco dura e non queremos que te manques!

Deseguido, pelamos e cortamos as patacas, o allo e a cebola.

Nunha pota, poñemos a ferver auga e botamos todas as verduras.

Deixamos cocer durante 30 minutos.

Cando todos os vexetais estean ben cocidos, botámolos (incluíndo a auga) nun vaso de batedor ou nun bol amplo e batémolos ata conseguir un puré espeso.

Rematada a operación, poñemos unha pota a cociñar a lume lento, vertemos o puré e engadimos a Nata para cociñar Larsa.

Engadimos un chisco de sal e outro de pementa.

Deixamos cociñar uns minutos mentres removemos ben para que non se pegue.

E listo! Xa podemos servir a nosa crema de cabaza.

Para darlle un toque extra de sabor, podemos engadir un chorriño de aceite de oliva virxe extra. Verás que rica queda a crema!

779