A importancia dos lácteos no noso estado de ánimo

Hai días ou épocas nas que nos sentimos máis ou menos positivos, con máis ou menos enerxía. Estas emocións veñen provocadas por moitas circunstancias, pero parece ser que o noso estado de ánimo pode estar vinculado estreitamente, entre outras cousas, coa alimentación.

Unha alimentación baseada na variedade e no equilibrio é clave. Os lácteos cumpren todas estas condicións, xa que este grupo de alimentos achega unha cantidade destacable de nutrientes e o seu consumo está asociado con moitos beneficios para a saúde. Segundo as recomendacións xerais, é importante consumir 2-3 racións de lácteos ao día.

As últimas investigacións revelan que os lácteos xogan un papel importante na mellora do noso estado de ánimo, sendo unha fonte interesante de vitaminas, minerais e compostos bioactivos que forman parte dos procesos de regulación do estado de ánimo.  

No caso concreto dos minerais, os lácteos achegan calcio, fósforo, potasio, magnesio ou zinc. Estes minerais están relacionados cunha función protectora fronte ao estrés, os cambios de humor e a irritabilidade. Polo que se pode dicir que os lácteos interveñen activamente no estado de ánimo. Cuns niveis baixos destes minerais existen máis posibilidades de ter ánimos depresivos. 

No caso das vitaminas, nos lácteos atopamos a vitamina A, a vitamina D e as vitaminas do grupo B. Estas son cofactores esenciais na síntese dos neurotransmisores, mensaxeiros que contribúen na sensación do benestar. Por outra banda, os lácteos son fonte de proteínas completas e de alto valor biolóxico, polo que achegan aminoácidos esenciais como son o triptófano e a fenilalanina, compoñentes que actúan como precursores da serotonina coñecida como “a hormona da felicidade”. 

Os lácteos fermentados como o iogur conteñen probióticos e compostos bioactivos que poden interactuar co sistema nervioso de forma directa ou indirecta, actuando como receptores hormonais, activando e liberando hormonas intestinais relacionadas co estado de ánimo como é a serotonina. Ademais, no noso intestino pódense producir e liberar produtos bioactivos da fermentación por parte dos probióticos, que teñen unha actividade antinflamatoria, achegando unha protección contra os procesos inflamatorios do sistema cerebral que se mostrou que están asociados con condicións neurolóxicas como é a depresión ou o Alzheimer. 

1368