Os melindres galegos son unha sobremesa típica da zona de Melide, na Coruña, e moi semellante en sabor ás rosquillas de feira. Este doce, que ten a súa propia festa gastronómica en maio, ten a súa orixe na época medieval e está asociado ao Camiño de Santiago.
A receita debémoslla aos frades que vivían nos mosteiros próximos e que preparaban os melindres como un doce enerxético que os peregrinos podían levar sen demasiado esforzo e sen perder as súas propiedades, para repoñer forzas rumbo a Compostela.
Desde entón, o melindre, coma outras sobremesas da zona, empezou a popularizarse como unha receita doméstica e familiar e transmitiuse de xeración en xeración. No último século tamén se converteu nun dos doces típicos de venda en obradoiros e pastelarías da zona. Con todo, a receita para facer melindres galegos na casa é bastante sinxela, sobre todo se empregas ingredientes de calidade, como a Manteiga Tradicional Larsa, e segues os nosos pasos para que che saian á primeira.
Na nosa receita darémoslles a forma tradicional que teñen en Melide, pero se o prefires, podes facelos con forma de rosquilla; o resultado é similar. A receita orixinal leva ovos, fariña de trigo e manteiga, así que debes ter en conta que contén alérxenos.
Ingredientes para uns melindres perfectos
- 200 gramos de fariña especial de repostería
- 20 gramos de Manteiga Tradicional Larsa
- 20 ml de licor de anís
- 4 xemas de ovo grandes
- 200 gramos de azucre
- 100 ml. de auga
- Monda de medio limón pequeno relada (opcional)
Como elaborar os melindres galegos paso a paso
- Coma noutras receitas de sobremesas, é importante asegurarse antes de comezar de que todos os ingredientes estean a temperatura ambiente, así que saca os ovos e a manteiga do frigorífico con tempo suficiente.
- Bate ben as xemas de ovo nun bol e engádelles a manteiga derretida a temperatura ambiente e o anís.
- Remove ben a mestura, engade o limón relado se o desexas e agrega a fariña tamizada aos poucos, integrándoa na masa con axuda dun batedor de varas para evitar os grumos.
- Cando remates coa fariña, a masa será máis espesa e terás que usar as mans para mesturar.
- Coa masa xa integrada, fina e sen que se pegue ás mans ou á encimera, é o momento de amasar coas mans durante uns dez minutos.
- Cobre a masa cun filme e déixaa repousar nunha zona morna durante unha hora.
- Pasado este tempo, comeza dar forma aos melindres. Colle pequenos anacos de masa e crea uns canudos alongados fregando coas túas mans a masa.
- Despois, dálles forma de pequenos aros deixando cara ao interior os extremos do canudo, coma se quixeses facer un nó coa masa.
- Prequenta o forno a 220º durante 10 minutos e cobre a bandexa de forno cun papel de enfornar.
- Coloca os melindres sobre o papel e mete a bandexa no forno a media altura e con calor arriba e abaixo. Enforna durante 10 minutos, ata que estean lixeiramente dourados por fóra.
- Retira a bandexa do forno e deixa arrefriar os melindres sobre unha reixa.
- Mentres, prepara o almibre para cubrir os melindres, é unha das operacións máis sensibles da receita!
- Pon a auga ao lume nun cazo, engade o azucre e quenta a lume medio sen deixar de remover durante polo menos 5 minutos.
- Cando o almibre acade a súa textura ideal, lixeiramente espesa, retira o cazo do lume e verte os melindres dentro. É importante removelos inmediatamente para que cubrilos todos antes de que o almibre arrefríe.
- Volve colocar os melindres sobre a reixa para arrefriar e asegurar un bo callado do alimbrado. Listos para gozar!
Cando e con que gozar dos teus melindres galegos caseiros?
Como puideches comprobar, a receita de melindres é moi fácil e pódese preparar en calquera momento do ano porque non leva ningún produto de tempada. Así que podes elaboralos e servilos como sobremesa, como acompañamento despois de comer con café ou infusión de té, nunha merenda ou levalos a calquera celebración á que te conviden.
Lembra que, na súa orixe, os melindres elaborábanse para levar durante un longo camiño a pé, así que é unha sobremesa consistente, que se mantén en bo estado durante algúns días, sobre todo se os gardas nun recipiente hermético. Ademais, se seguiches ben os pasos, non é unha sobremesa fráxil ou que teña que manterse na neveira, así que podes levar os teus melindres galegos ao parque, de excursión ou gozar deles entre horas, no traballo ou entre clase e clase.
Se queres seguir a tradición, tamén podes elaborar os teus melindres o segundo domingo de maio e festexar esta receita tradicional coma un veciño máis do concello de Melide.