Como facer pan de leite caseiro e conseguir uns boliños súper esponxosos

Hai receitas que, en canto as sacas do forno, enchen toda a cociña dun arrecendo que nos transporta directamente á infancia. E a nosa receita de pan de leite caseiro é unha delas. E é que hai poucas cousas máis ricas ca abrir un boliño aínda un pouco quente, untarlle un pouco de Manteiga tradicional Larsa ou marmelada e gozar dunha merenda 100 % larseira, das de sempre 😉.

Ademais, aínda que poida parecer unha receita complicada, facer pan de leite caseiro é moito máis sinxelo do que imaxinas. Só precisas un pouco de paciencia para respectar os tempos de levedado e un bo leite enteiro que aporte cremosidade e suavidade á masa. E aí, o noso Leite enteiro Larsa xoga un papel importante.

A orixe do pan de leite

Aínda que hoxe podemos atopalo en cafeterías, panadarías e supermercados de medio mundo, o auténtico pan de leite (pain au lait, en francés) ten a súa orixe en Francia. O seu nome significa literalmente “pan con leite” e destaca pola súa miga tenra, o seu lixeiro toque doce e unha textura especialmente suave.

A miúdo confúndese co brioche, aínda que non son exactamente o mesmo. O brioche leva unha maior cantidade de manteiga e ovos, o que lle dá unha textura diferente e un sabor máis intenso. O pan de leite, en cambio, é máis lixeiro e esponxoso. Ademais, é perfecto tanto para almorzos doces como para preparar pequenos bocadillos.

En Francia é moi común que os nenos o tomen na merenda acompañado de chocolate, manteiga ou marmelada. E a verdade é que non nos estraña: está delicioso de calquera maneira.

Pan de leite caseiro paso a paso

Unha receita para preparar entre 8 e 10 boliños.

Ingredientes

Receita paso a paso

  1. O primeiro que temos que facer é temperar lixeiramente o Leite enteiro Larsa e mesturalo nun bol grande xunto co lévedo fresco e o xarope de pradairo ou mel. Remexemos ben ata que o lévedo se disolva completamente.
  2. A continuación, incorporamos as fariñas e o sal. Mesturamos primeiro cunha culler e despois coas mans ata conseguir unha masa algo pegañenta.
  3. Unha vez que a masa empece a coller forma, engadimos a Manteiga tradicional Larsa a temperatura ambiente e seguimos amasando ata que quede completamente integrada e obteñamos unha masa suave.
  4. Cando a masa estea lista, tapámola cun pano e deixámola repousar uns 10 minutos. Despois, facemos un amasado curto sobre unha superficie lixeiramente aceitada durante apenas uns segundos e volvemos deixar repousar outros 10 minutos. Repetimos este proceso varias veces para conseguir unha miga moito máis tenra e aireada.
  5. Unha vez rematados os pequenos amasados, deixamos repousar a masa entre 30 e 40 minutos ata que aumente o seu tamaño. Ten en conta que o tempo pode variar segundo a temperatura da cociña.
  6. Cando a masa teña levedado, dividímola en pequenas porcións iguais e dámoslles forma alongada ou redonda, segundo prefiramos. Despois colocamos os boliños sobre unha bandexa con papel de forno, deixando separación entre eles.
  7. Tapamos novamente os boliños cun pano e deixamos repousar outros 30 minutos para que volvan medrar e queden aínda máis esponxosos.
  8. Mentres tanto, prequentamos o forno a 180 ºC. Antes de enfornar, pincelamos suavemente os boliños cun pouco de Leite enteiro Larsa para conseguir ese acabado dourado tan apetecible.
  9. Enfornamos entre 15 e 20 minutos ata que os boliños estean ben dourados por fóra e tenros por dentro.
  10. E xa está. Así de fácil conseguimos uns pans de leite caseiros súper esponxosos, perfectos para almorzos, merendas ou para gozar acabados de facer, aínda mornos.

Truquiños larseiros para que queden aínda máis ricos

  • Se queres uns boliños aínda máis suaves, podes deixar a masa repousando toda a noite na neveira. Ao día seguinte só terás que formar os boliños e enfornar.
  • O noso Leite enteiro de Pastoreo achega unha textura especialmente cremosa á masa grazas ao seu equilibrio natural de graxa, axudando a conseguir unha miga moito máis tenra.
  • Para darlles un toque diferente, podes engadir pebidas de chocolate, pasas ou incluso un pouco de canela á masa.
  • Se queres que brillen máis, mestura un pouco de leite con ovo batido para pincelalos antes de metelos no forno.

Ideas para gozar do pan de leite

O mellor destes boliños é que combinan practicamente con todo. Podes tomalos acabados de facer con Manteiga tradicional Larsa e marmelada, mollalos en café ou chocolate quente ou preparar unha merenda irresistible untándoos con crema de cacao.

Ademais, tamén quedan incribles con alimentos salgados. Con xamón cocido e queixo, todo un clásico das nosas merendas, pero tamén con pavo, aguacate ou incluso salmón afumado con queixo crema.

E se che sobra algún para o día seguinte, non pasa nada. Uns segundos no microondas ou un golpe curto de forno e volverán estar tenros.

A calidade dos ingredientes marcará a diferenza

Aínda que o amasado e os tempos de repouso son importantes, se hai algo que realmente transforma un pan de leite caseiro, é a calidade dos ingredientes. E especialmente o leite.

En Larsa levamos anos apostando por un Leite tradicional de Pastoreo auténtico, procedente de vacas que pastan en liberdade e se alimentan de maneira natural nos pastos galegos. Porque cando a materia prima é boa, o resultado nótase desde o primeiro grolo ou… bocado 😉.

Por iso os nosos produtos conservan ese sabor auténtico e esa cremosidade que fan que receitas tan sinxelas como este pan de leite se convertan en algo aínda máis especial.

274