En Larsa estamos orgullosos de ter a mellor materia prima, o Leite de Pastoreo, coa que elaboramos o 95% dos nosos produtos. Para garantir a mellor calidade, orixe e seguridade do noso Leite de Pastoreo rexistramos tódalas etapas de produción, elaboración e distribución dos nosos lácteos, garantindo a rastrexabilidade do Leite de Pastoreo.
Larsa leva a cabo rigorosos análises, auditorías e controis de calidade durante todos os pasos do proceso asegurándose de que estean coidadosamente controlados e documentados para ofrecer produtos certificados con Leite de Pastoreo e Galega 100%.
Segue lendo para coñecer cal é o proceso có que Larsa garante a orixe e a rastrexabilidade do noso Leite de Pastoreo.
Como é o proceso de rastrexabilidade do Leite de Pastoreo?
A rastrexabilidade é a capacidade de identificar a orixe e as diferentes etapas do proceso de produción e distribución dun produto ou alimento, neste caso o Leite de Pastoreo. Aquí debullamos o proceso de rastrexabilidade que seguimos en Larsa co Leite de Pastoreo, que comeza nas nosas ganderías.
- Comeza no momento do muxido. Os nosos gandeiros de Pastoreo certificados teñen identificados a explotación e cada tanque e/o sistema de refrixeración do leite cun número de identificación, que á súa vez están rexistrados na base de datos Letra Q.
- Os nosos camións percorren as ganderías para, unha vez muxida, recoller e transportar ás nosas plantas de Outeiro de Rei e Vilagarcía de Arousa o leite de Pastoreo. O transportista ao chegar a unha gandería para recoller o leite, mira a temperatura do tanque (debe manterse a unha temperatura menor ou igual a 4ºC) e realiza os controis, marcados polo Real Decreto 989/2022, sobre condicións hixiénico-sanitarias. Tamén toma unha mostra de leite para enviala ao LIGAL onde analizan os parámetros microbiolóxicos, físico-químicos e realizan unha proba de detección de inhibidores.
- O leite de Pastoreo recóllese en roteiros específicos de Pastoreo e con cisternas previamente lavadas antes de comezar a descarga, para que o leite de Pastoreo non se mesture con leite convencional.
- Ao chegar ás nosas plantas, antes de descargar, compróbase que é un roteiro de pastoreo e cada cisterna é novamente rexistrada a través da súa matrícula e código de letra Q, garantindo así a súa rastrexabilidade. Os nosos responsables de laboratorio toman unha mostra do leite de cada camión para realizar unha análise física-químico e unha proba de detección de inhibidores.
- Se os resultados dos controis son correctos, procédese a descargar a cisterna nos silos exclusivos para leite de Pastoreo das nosas plantas, de maneira que non se mesture con leite convencional.
- Todos os procesos industriais (tratamento UHT, fermentación do iogur, elaboración do queixo) ata o envasado fanse tamén sobre equipos previamente limpos. Unha vez envasado o Leite de Pastoreo e os produtos lácteos de Larsa, xa están listos para a súa distribución aos puntos de venda onde podes atopalos.
O código alfanumérico impreso na parte superior dos briks de leite e en tódolos nosos produtos lácteos, permítenos coñecer e identificar rapidamente todo o camiño desde que se recolle o leite ata que chega ao consumidor.
Como se logra a rastrexabilidade?
A rastrexabilidade lógrase mediante o uso de tecnoloxías con sistemas de códigos alfanuméricos. Cada unha das nosas ganderías de Pastoreo certificadas están identificadas cun código, que se enlaza cos códigos de adhesivos asociados aos botes onde se toman as mostras do leite que se analizan. Desta maneira, quedan vinculados as mostraxes coas ganderías.
Ademais, cada gandeiro debe cubrir un Caderno de Pastoreo, no que rexistre cada día cantas vacas lactantes saen ao pasto e o tempo que permanecen nel. O tempo mínimo é de 6 horas ao día durante 120 días ao ano.
Estes sistemas permiten rastrexar cada lote de leite desde a súa orixe ata o seu destino final, proporcionando información detallada sobre a súa produción, almacenamento e distribución.
Que controis de calidade se deben realizar cando recibimos o leite?
Nas ganderías de Larsa e nas plantas de envasado de leite e elaboración de produtos lácteos de Larsa en Outeiro de Rei (Lugo) e Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), controlamos a calidade hixiénico-sanitaria para garantir a seguridade alimentaria do noso leite.
Estes controis inclúen análises dos parámetros microbiolóxicos (bacterioloxía, células somáticas), físico-químicos (materia graxa, proteína, etc.) e proba de detección de inhibidores.
Calquera depósito dunha cisterna que non cumpra cos estándares de calidade establecidos en Larsa é rexeitado e retirado do proceso de produción, garantindo que só o leite da máis alta calidade chegue ao mercado.
Que ferramentas aseguran a rastrexabilidade dun produto?
A rastrexabilidade é unha ferramenta fundamental para asegurar que os alimentos que consumimos cumpran todos os estándares de calidade e seguridade para protexer a saúde, tanto de persoas como de animais. Con todo, para poder coñecer e rexistrar toda a información do leite desde que sae da gandería ata que chega a ti, existen ferramentas e procedementos específicos como a LETRA Q.
LETRA Q é unha iniciativa impulsada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para mellorar o control da rastrexabilidade e da calidade do leite cru de vaca. Este sistema informático, que é un acrónimo da expresión castelá LEche cruda de vaca, TRAzabilidad y Qualidad, rexistra e identifica a axentes e establecementos que forman parte do sector lácteo, os movementos de leite cru que realizan e os resultados obtidos das análises das mostras de leite en orixe e unha vez chegadas ás plantas de envasado e elaboración.
Os códigos de barras ou alfanuméricos tamén son amplamente utilizados para identificar e rastrexar os produtos lácteos, proporcionando información detallada sobre a súa orixe, data de produción e outros datos relevantes. Estes códigos pódense escanear facilmente en cada etapa do proceso, permitindo un seguimento preciso.
Agora que xa coñeces como se garante a rastrexabilidade do leite en Larsa, que mellor que gozar dos nosos produtos con total tranquilidade? Xa sabes que #AquíFacémoloAsí 😉.