Lácteos na dieta do teu bebé: como e cando

Introducir alimentos sólidos na dieta do bebé é un fito importante para os pais. Un dos grupos de alimentos que máis dúbidas xera é o dos produtos lácteos: cando é seguro darllos?, que beneficios poden achegar?, como introducilos na dieta?  

Segue lendo para resolver estas dúbidas! 

Cando introducir os lácteos na dieta do teu bebé? 

Segundo a Asociación Española de Pediatría (AEP), recoméndase a lactación materna exclusiva durante os primeiros seis meses de vida e, se é posible, continuar aleitando ata polo menos os dous anos, complementada con alimentos sólidos a partir dos seis meses. Ao proceso polo cal se lle ofrecen alimentos sólidos ou líquidos distintos do leite materno (ou unha fórmula infantil) como complemento e non como substitución desta considéraselle alimentación complementaria. Con respecto aos lácteos, a AEP ofrece recomendacións específicas segundo o tipo: 

  • Leite de vaca enteiro: A AEP indica que non debe ofrecerse leite de vaca ata que o bebé cumpra un ano (12 meses). Isto débese a que o leite de vaca contén unha concentración elevada de proteínas e minerais (en comparación co leite materno) que poden resultar excesivos para os riles dun bebé menor de 12 meses. Hai que ter en conta que o leite materno é o lácteo de primeira elección e recoméndase por encima de calquera outro leite. 
  • Outros lácteos (iogur natural e queixo): Pódense introducir o iogur natural e o queixo como parte da alimentación complementaria a partir dos 9 meses. Estes lácteos, ao ser fermentados, poden ser máis doadas de dixerir.  

Aínda que coa diversificación progresiva da dieta do bebé a cantidade de lácteos consumida adoita diminuír, aconséllase manter polo menos 2 racións de lácteos ao día (aproximadamente 500 ml) para asegurar unha inxestión adecuada de calcio e outros nutrientes esenciais. 

Beneficios dos lácteos na dieta do bebé 

Os lácteos como o leite, o iogur ou o queixo son fontes naturais de calcio e proteínas, ademais de achegar outros nutrientes como vitaminas do grupo B (B2, B12), vitaminas A e D (na fracción graxa), e distintos minerais en menor proporción como o fósforo. 

En particular, o calcio altamente biodispoñible, a vitamina D (especialmente en leites enriquecidos), o fósforo e as proteínas de alta calidade son catro nutrientes clave presentes nos lácteos necesarios para o crecemento e desenvolvemento normal dos ósos nos nenos.  

O calcio dos lácteos ten unha maior biodispoñibilidade (mellor absorción) en comparación co calcio presente noutros alimentos, e este é fundamental para a formación de ósos e dentes durante os primeiros anos de vida. Por outra banda, as proteínas lácteas conteñen todos os aminoácidos que o corpo necesita para o correcto desenvolvemento dos músculos e ósos.  

Como introducir os lácteos na dieta dun bebé? 

A introdución dos lácteos e outros alimentos na dieta do teu bebé é unha oportunidade para fomentar unha relación positiva coa comida. A AEP recomenda adoptar un enfoque activo, no que se respecte o ritmo de desenvolvemento do bebé, se favoreza a súa autonomía e se evite calquera tipo de presión.  

  • Comeza con iogur natural: a partir dos 9 meses, pódese iniciar con iogur natural sen azucre. Empeza con pequenas porcións e observa a resposta do bebé. 
  • Introduce o queixo en pequenas cantidades: elixe queixos suaves e frescos, como o noso Queixo Fresco Larsa, en pequenas porcións.  
  • A partir dos 12 meses, pódese empezar a ofrecer leite enteiro de vaca como parte dunha dieta equilibrada e sen deixar de lado, sempre que sexa posible, a lactación materna. 

No caso dos lácteos, en particular, é importante observar posibles reaccións adversas como erupcións cutáneas ou malestar dixestivo, xa que a alerxia á proteína do leite de vaca (APLV) é unha das máis comúns na infancia. 

Bibliografía 

Fernández-Vegue DMG. Recomendacións da Asociación Española de Pediatría sobre a alimentación complementaria [Internet]. 9 de novembro de 2018 [citado o 11 de novembro de 2024]. Dispoñible en: https://www.aeped.es/sites/default/files/documentos/recomendaciones_aep_sobre_alimentacio_n_complementaria_nov2018_v3_final.pdf 

138