Quen non abriu a neveira buscando algo rápido, apetitoso e que combine con todo? Aí está, coma sempre, o queixo fresco. Ese alimento que che fai compaña nas torradas do almorzo, a merenda da media tarde ou nesa ensalada que queres facer máis interesante.
Pero o que quizais non sabías é que, ademais de salvarche máis dunha comida, o queixo fresco ten un perfil nutricional moi interesante. Rico en proteínas e cun alto contido en calcio, o queixo fresco é moito máis que un comodín na cociña.
Que nutrientes achega o queixo fresco?
O queixo fresco defínese como aquel que está listo para o consumo ao rematar o proceso de fabricación, sen necesidade de maduración. Esta característica diferénzao dos queixos madurados, que se conservan durante un tempo determinado a unha temperatura e condicións específicas, modificando así a súa textura, sabor e composición nutricional.
Por cada 100 gramos, o noso Queixo Fresco LARSA achega:
- 164 kcal
- 12 g de graxa total, das cales 8,4 g son saturadas
- 3 g de hidratos de carbono, dos cales 3 g son azucres (lactosa naturalmente presente)
- 11 g de proteínas
- 340 mg de calcio, o que representa o 42,5% do valor de referencia de nutrientes (VRN)
Estes datos permiten afirmar que o queixo fresco é alto en proteínas e ten un alto contido de calcio, dúas características que o fan especialmente interesante para o mantemento da masa muscular e a saúde ósea.
Ademais, o queixo fresco, ao ter unha maior porcentaxe de auga e estar menos concentrado, contén menos graxa, menos sal e menos calorías ca os queixos que pasaron por un proceso de maduración.
Que beneficios ten comer queixo fresco?
Grazas ao seu alto contido en proteínas e calcio, entre outros nutrientes, o queixo fresco é unha opción nutricionalmente valiosa dentro dunha dieta equilibrada.
As proteínas do queixo fresco son de alto valor biolóxico, é dicir, conteñen todos os aminoácidos esenciais que o corpo necesita. Estas proteínas contribúen a desenvolver e manter a masa muscular, así como a conservar os ósos en condicións normais.
O calcio, pola súa banda, é un mineral esencial para múltiples funcións no corpo humano. O calcio presente no queixo fresco ten unha alta biodispoñibilidade, grazas á presenza doutros nutrientes como a lactosa ou as proteínas, que favorecen a súa absorción. Entre outras funcións, o calcio:
- Contribúe ao mantemento dos ósos e dentes en condicións normais
- Participa no funcionamento normal dos músculos
- Contribúe á coagulación sanguínea normal
- Intervén no metabolismo enerxético normal
Ademais, o queixo fresco tamén achega outros minerais e vitaminas, como o fósforo, o selenio, a vitamina A e vitaminas do grupo B.
Receitas con queixo fresco
O noso Queixo Fresco LARSA, grazas á súa textura e ao seu sabor suave, combina ben con preparacións doces e salgadas, e pode formar parte de calquera comida do día.
Aquí tes algunhas ideas para gozalo e incluílo nas túas receitas:
- Almorzos: proba a comezar o día cunha torrada integral con aguacate, queixo fresco e un chorriño de aceite de oliva.
- Xantares: engade cubiños de queixo fresco ás ensaladas ou utilízao como recheo de verduras ao forno.
- Ceas lixeiras ou petiscos saudables: emprégao como base para canapés ou como topping en mini pizzas de berenxena (Psst: próbao á prancha!).
- Sobremesas: proba a utilizalo na túa próxima torta de queixo.
Lembra que unha ración recomendada de queixo fresco equivale a 80 – 125 gramos, dentro dunha das tres racións diarias de lácteos aconselladas.
Buscas máis ideas? Descubre a nosa selección de receitas con queixo fresco e sácalle o máximo partido ao Queixo Fresco LARSA 😉.