Vitamina D nos lácteos

A vitamina D é un micronutriente deficitario en gran parte da poboación. Unha das razóns disto é que, para obtela, é moi importante expoñerse á radiación solar. Desta forma sintetízase a maioría, pero outra pequena parte podémola obter mediante a alimentación; os peixes graxos son os alimentos que conteñen maior cantidade, pero os lácteos tamén achegan unha pequena cantidade.

Cal é a cantidade diaria de vitamina D recomendada?

Segundo a Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria, EFSA polas súas siglas en inglés, a cantidade recomendada para as persoas maiores dun ano é de 15 µg por día.

Entre as súas funcións, destaca o seu papel importante na absorción do calcio e de fósforo, polo que a inxesta destes nutrientes nunha cantidade adecuada sería fundamental para obter todas as súas vantaxes.

Tanto o fósforo como o calcio son dous minerais clave para ter unha boa saúde ósea. A sinerxia entre estes dous minerais e a vitamina D fai que se aproveiten mellor os seus beneficios. Diferentes estudos confirman a relación positiva entre o consumo de vitamina D e a mellora da saúde ósea. Desde pequenos, para previr o raquitismo, ou en persoas máis maiores para a prevención da osteoporose. E especialmente nos anciáns, xa que a cantidade de vitamina D recomendada é sempre superior debido a unha maior probabilidade de caídas e a un aumento da fraxilidade ósea. Os lácteos conteñen ambos os nutrientes polo que sería un grupo de alimentos moi a ter en conta.

Que outras funcións desenvolve a vitamina D?

Ademais de ter un importante papel na saúde ósea, a vitamina D pode desenvolver outras funcións, é capaz de activar un factor de transcrición nuclear coñecido como receptor de vitamina D implicado nos procesos de diferenciación celular, inmunitarios e neuroprotectores, mesmo tamén intervén na regulación da presión arterial. Estudos realizados, afirman que a vitamina D pode axudar na prevención de enfermidades de tipo inflamatorio, infecciosas e inmunitarias.

Ditas funcións convértena en nutriente esencial e xustifican a necesidade da súa inxesta a través dos alimentos; entre os que destacan os produtos lácteos porque melloran a súa biodispoñibilidade.

1147