☰

Receita de biscoito de mazá e iogur sen azucre

A sobremesa lixeira e saborosa para alegrar calquera tarde

Notas de interese / Consellos

Esta receita de biscoito de mazá e iogur sen azucre é moi doada de facer; só tes que ter en conta os consellos xerais para todo tipo de biscoitos: as medidas e a temperatura de todos os ingredientes. Perfecto para o almorzo, para acompañar un té ou para unha merenda a media tarde, con este biscoito de mazá e iogur sen azucre triunfarás tanto dentro como fóra da casa.

Alérxenos

Glute, ovo, leite
Receta de bizcocho de yogur y manzana

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 400 g de fariña de repostaría  
  • 120 ml de aceite de xirasol ou de oliva suave  
  • 3 ovos tamaño L 
  • 2 mazás doces  
  • 1 Iogur Natural Larsa  
  • 9 gramos de fermento en po ou lévedo químico  
  • 1 cullerada de canela  
  • Medio limón espremido  
  • 1 cullerada de Manteiga Tradicional Larsa 
  • 1 presa de sal

Aspectos a ter en conta para esta receita

Este biscoito de mazá e iogur non leva azucre, algo que compensaremos coa propia froita e a canela, pero se desexas obter unha versión máis doce, podes reducir en 150 gramos a cantidade de fariña e engadir esa mesma cantidade de edulcorante. É moi importante que, unha vez que comece a cocción, non abras a porta do forno ata o final; de ser posible, agarda a que transcorran os primeiros 30 minutos. Ademais, necesitarás un molde para biscoitos ben engraxado.

Pasos da preparación

Antes de nada e, se é posible, unhas horas antes de preparar o biscoito de iogur e mazá sen azucre, asa unha mazá no forno ou córtaa en anacos e cócea en medio vaso de auga cun pau de canela. Escórrea ben antes de triturala para obter unha compota natural ben consistente.

Pela, retira o corazón, ralla a outra mazá e rega con zume de limón.

Mestura a fariña coa canela, o sal e o fermento en po, peneira e reserva.

Engraxa o molde do teu biscoito coa Manteiga Tradicional Larsa e reserva. Prequenta o forno con calor arriba e abaixo a 180 graos.

Bate os ovos cun batedor de varas, engade o aceite e o iogur e volve bater.

Incorpora a compota de mazá ben consistente e mestura de novo.

Agora é a quenda dos ingredientes secos: engade a metade da mestura de fariña, canela, sal e fermento. Remexe cunha lingua de repostaría ou coa batedora a velocidade moi baixa.

Repite o proceso coa outra metade da fariña ata que quede perfectamente integrada.

Por último, incorpora a mazá relada e intégrana ben na masa antes de vertela no molde para biscoitos.

Introduce o molde no forno e deixa que o teu biscoito de iogur e mazá sen azucre se coza durante uns 45 minutos ou 1 hora.

O tempo final dependerá do teu forno. Se ao cravar un escarvadentes no centro do biscoito este sae limpo, poderás retiralo. Se non, déixao uns minutos máis. Podes cubrilo con papel de aluminio se se doura demasiado.

Unha vez listo, retira o molde do forno e deixa arrefriar o biscoito antes de desmoldalo. Bo proveito!

998