Hai combinacións que nunca fallan, como o café con leite, o pan con manteiga… ou o Iogur Natural con Leite de Pastoreo con avea. Unha mestura sinxela, equilibrada e perfecta para comezar o día co sabor máis larseiro e con todos os nutrientes que precisas.
En Larsa coidamos a materia prima desde a orixe, con leite 100 % galego, para conseguir un iogur cremoso, natural e cheo de sabor. Cando a base é boa, o resultado sempre acompaña o produto.
Por que combinar iogur natural e avea no almorzo?
O Iogur Natural de Larsa con avea non só é unha combinación moi sinxela de preparar, senón tamén unha opción moi completa para comezar o día con enerxía. Por unha banda, tes a cremosidade dun dos nosos Iogures de Pastoreo Tradicionais grazas ao leite de pastoreo e, pola outra, a textura suave e lixeiramente crocante da avea.
A avea é un cereal de gran enteiro, o que significa que conserva todos os seus compoñentes e, con eles, todo o seu valor nutricional. É rica en fibra e destaca pola súa achega de proteínas, ademais de conter graxas saudables, principalmente ácidos graxos monoinsaturados e poliinsaturados. Tamén achega vitaminas do grupo B (como a B1 e a B9), vitamina E e minerais como ferro, magnesio, fósforo, potasio e zinc. Todo isto convértea nun alimento moi completo, versátil e doado de integrar no día a día, especialmente xunto aos produtos máis larseiros.
Ademais, esta combinación funciona moi ben a nivel nutricional: a avea, grazas ao seu contido en fibra (especialmente os betaglucanos), axuda a prolongar a sensación de saciedade, contribúe a manter niveis normais de colesterol e mellora a saúde intestinal. Pola súa banda, o iogur achega calcio, proteínas de calidade e microorganismos vivos, cunha textura e un sabor que elevan a experiencia.
En conxunto, é unha mestura equilibrada, nutritiva e deliciosa que encaixa perfectamente nun almorzo saudable.
Iogures con leite de Pastoreo Larsa: cando a orixe marca a diferenza
Non todos os iogures son iguais. E en Larsa sabémolo ben: non é o mesmo.
Levamos décadas elaborando iogures cunha idea moi clara, que segue sendo a mesma desde o primeiro día: respectar a orixe do leite e coidar cada paso do proceso. Todo comeza nos prados de Galicia, onde as vacas pacen en liberdade e os gandeiros coñecen a súa terra e o seu oficio como poucos.
Ese leite, recollido en ganderías de tamaño medio, é a base dos nosos Iogures Larsa con leite de Pastoreo. Un leite de calidade, con sabor de verdade e cunha forma de facer as cousas que pon no centro o cuidado das vacas, a contorna e as persoas que o fan posible.
O resultado son iogures cremosos, con textura e cun sabor auténtico, deses que non precisan explicación. Próbalos unha vez e entendes decontado que hai diferenza.
E como cada día e cada persoa son distintos, tamén hai variedade para todos os gustos: desde os Iogures de Pastoreo Tradicionais, os Iogures Cremosísimos con Leite de Pastoreo, os Iogures de Pastoreo Galaikos, os Iogures de Pastoreo con Froitas, os Iogures Desnatados con Leite de Pastoreo, as Sobremesas de Pastoreo ata os Bífidus de Pastoreo, pasando tamén por opcións sen lactosa. Porque en Larsa cremos que cada larseiro ten o seu favorito… e iso tamén hai que respectalo 😉.
Como preparar iogur con avea e non aburrirte no intento
A combinación de iogur e avea funciona, iso xa o sabemos. Pero o interesante está en como preparala de distintas maneiras para que non se volva monótona e poidas desfrutala cada día dunha forma diferente.
A forma máis sinxela é mesturar iogur con copos de avea e deixalo repousar uns minutos. A avea hidrátase lixeiramente, vólvese máis suave e intégrase mellor co Iogur natural con leite de Pastoreo.
A partir de aí, comeza o bo. Recomendamos o noso iogur natural porque combina á perfección coa avea, aínda que tamén podes empregar calquera dos nosos Iogures Larsa elaborados con leite de Pastoreo, segundo as túas preferencias.
Podes engadir froita fresca para darlle un toque natural e doce: plátano, amorodos, mazá ou kiwi son opcións que sempre encaixan ben. Se prefires algo con máis textura, os froitos secos achegan ese punto crocante que cambia por completo a experiencia. E se queres variar un pouco máis, as sementes tamén son unha boa alternativa.
Para os larseiros máis larpeiros, un pouco de mel ou uns anaquiños de chocolate poden convertelo nun almorzo ou nunha merenda aínda máis especial.
Outra opción moi práctica é o overnight oats, deixando a avea co iogur na neveira durante a noite. Pola mañá témolo listo, sen complicacións.
Un almorzo sinxelo que marca a diferenza
Ás veces pensamos que comer mellor implica facer grandes cambios na nosa rutina. Pero non sempre é así. Moitas veces, abonda con algo tan sinxelo como escoller ben o que poñemos no prato cada mañá.
O iogur con avea é un bo exemplo. Non precisa ingredientes complicados nin preparacións elaboradas. Só produtos de calidade e ese momento de desfrute que converte o sinxelo en algo especial.
En Larsa cremos precisamente niso: no sinxelo, no auténtico e nas cousas feitas con moito agarimo, desde a orixe. Porque cando algo está ben feito, nótase. E nótase moito.
Así que a próxima vez que te preguntes que almorzar, xa tes a resposta. Abre a neveira, escolle o teu Iogur Larsa favorito, engade un pouco de avea… e desfruta sen darlle (moitas) máis voltas. 😉
Porque ao final, non é o mesmo almorzar calquera cousa que comezar o día con algo que de verdade che gusta. E iso, como todo o bo, nótase desde a primeira cullerada.