Cantos alimentos lácteos debemos consumir ao día en cada etapa vital?

O leite e os derivados lácteos (como o iogur ou o queixo) son alimentos cun alto valor nutricional. Os nutrientes que achegan son vitais para o desenvolvemento e mantemento de ósos e dentes, a función muscular, a coagulación, o metabolismo e a saúde xeral. Adaptar o consumo de lácteos segundo a idade e o estilo de vida é fundamental para satisfacer as necesidades nutricionais específicas de cada etapa e circunstancia. Desde a infancia ata a terceira idade, os lácteos achégannos importantes nutrientes.  

Lácteos na infancia   

Durante (polo menos) os primeiros seis meses de vida, a OMS recomenda a lactación materna exclusiva, xa que achega todos os nutrientes necesarios para o crecemento e desenvolvemento do bebé. A partir dos seis meses, introdúcense alimentos complementarios para satisfacer as crecentes necesidades nutricionais do neno. O iogur natural sen azucre pode introducirse a partir dos nove meses e o leite de vaca enteiro pódese introducir a partir dos doce meses. O leite e os seus derivados son fundamentais nesta etapa porque achegan calcio e proteínas esenciais para o desenvolvemento óseo e dental.  

En nenos, recoméndanse 3 racións ao día de lácteos.  

Lácteos na adolescencia  

A adolescencia é un período de rápido crecemento e desenvolvemento, o que incrementa a demanda de nutrientes. O consumo adecuado de lácteos é esencial para acadar a masa ósea óptima e previr futuros problemas óseos, como a osteoporose. As recomendacións de consumo de lácteos ao día aumentan neste grupo de idade, xa que as necesidades de nutrientes son maiores.  

En adolescentes, recoméndanse 4 racións ao día de lácteos.  

Lácteos na idade adulta  

De adultos, os lácteos continúan sendo unha fonte importante de nutrientes. O consumo regular de leite e os seus derivados facilita que as inxestas recomendadas de calcio, proteína e outras vitaminas e minerais esenciais sexan alcanzados con facilidade, contribuíndo ao mantemento da masa ósea e muscular e á saúde xeral. A cantidade recomendada pode variar segundo factores como o nivel de actividade física e as necesidades calóricas individuais.   

En adultos, a recomendación é consumir 3 racións de lácteos ao día de media.  

Lácteos no embarazo e a lactación  

Durante o embarazo e a lactación, as necesidades nutricionais aumentan para apoiar o crecemento e desenvolvemento do feto e a produción de leite materno. Os lácteos achegan calcio, proteínas e outros nutrientes esenciais nesta etapa. É importante que as mulleres embarazadas e lactantes consuman cantidades axeitadas de lácteos para satisfacer estas demandas aumentadas de nutrientes. 

En mulleres embarazadas e lactantes, recoméndase consumir entre 3 e 4 racións de lácteos ao día.  

Lácteos na terceira idade  

Na terceira idade, a absorción de calcio pode diminuír e ser menos eficiente, e a masa ósea e muscular tende a reducirse, aumentando o risco de osteoporose e sarcopenia. O consumo adecuado de nutrientes como o calcio, as proteínas e outras vitaminas e minerais esenciais que achegan os lácteos e están estreitamente relacionados coa saúde ósea e muscular, pode axudar a mitigar estes efectos. As proteínas de alta calidade presentes nos lácteos contribúen ao mantemento da masa muscular, o cal é crucial para a mobilidade e a calidade de vida nesta etapa.  

En persoas de idade avanzada, recoméndase consumir entre 3 e 4 racións de lácteos ao día. 

672