Cal é a diferenza entre o iogur e o leite fermentado?

É unha tarde calquera de ir facer a compra ao supermercado do teu barrio e estás no corredor dos derivados lácteos buscando eses Iogures Larsa que tanto che gustan… Ao seu carón, ves outros iogures, kéfir, kombucha etc… Todos eles con envases e cores moi diferentes e éntrache a curiosidade de ler as etiquetas e listas de ingredientes e atopas nun produto a denominación leite fermentado. E iso que é? Se teñen a mesma aparencia e textura que un iogur, son o mesmo?  A realidade é que hai diferenzas entre ambos produtos. Segue lendo para descubrilo.  

Que é o iogur?

O iogur é unha variedade de leite fermentado que se produce mediante a fermentación do leite con estas dúas bacterias exclusivas: Streptococcus thermophilus e o Lactobacillus bulgaricus. É dicir, soamente pódese chamar iogur ao leite fermentado por estas dúas bacterias e que se lle haxan engadido determinados ingredientes recollidos na norma de calidade do iogur.   

Contén proteínas de excelente calidade e fácil dixestión, así como graxas, carbohidratos, vitaminas e minerais, destacando o calcio e o fósforo.   

A maioría dos iogures que se consomen hoxe en día están elaborados a partir de leite pasteurizado. É dicir, sométese ao leite a unha temperatura e tempo determinados que asegura a destrución dos microorganismos.  

Que é o leite fermentado?

O leite fermentado, definido por CODEX, é un produto lácteo obtido por medio da fermentación do leite, que pode ser elaborado a partir de produtos obtidos do leite por medio da acción de microorganismos.   

É dicir, o concepto de leite fermentado abarca unha categoría máis ampla, que inclúe produtos como o iogur, o kéfir, coñecido pola súa diversidade en microorganismos, ou o kumis, orixinario de Asia central e de textura acuosa.  

Unha das diferenzas entre estes tres tipos de leites fermentados son as bacterias que os fan fermentar. Como diciamos anteriormente, o iogur prodúcese pola fermentación do Streptococcus thermophilus e o Lactobacillus bulgaricus. O kéfir pode conter unha comunidade diversa de bacterias e fermentos. O kumis prodúcese principalmente grazas ao Lactobacillus acidophilus e o Lactobacillus delbrueckii.   

Durante a fermentación, algúns compoñentes dos alimentos, como azucres ou amidóns, descompóñense en substancias máis simples, como gases ou ácidos orgánicos, debido á acción de microorganismos e as súas encimas baixo condicións controladas. Este proceso lévase a cabo co propósito de alterar de maneira intencionada características como o sabor, o aroma, a textura, a vida útil, o valor nutricional e outras propiedades do alimento.  

Como se pode saber se un produto é leite fermentado? Basta con revisar a súa etiquetaxe e comprobar a denominación oficial do mesmo.   

Principais beneficios

O leite fermentado, ben sexa como iogur, kéfir, kumis… non só é máis fácil de dixerir por persoas que poidan presentar problemas para dixerir a lactosa, senón tamén ten beneficios que nos afectan de diferentes maneiras.  

Duran máis tempo

Desde o punto de vista da seguridade alimentaria, a fermentación inhibe o crecemento da maioría das bacterias patóxenas e a formación de toxinas bacterianas.   

Aumento do valor nutricional

A miúdo, o proceso de fermentación implica un aumento na calidade ou o valor nutricional dos alimentos. Por exemplo, no caso dos alimentos lácteos fermentados, como o iogur, as bacterias fermentan a lactosa, o azucre presente de forma natural no leite. Isto produce acedo láctico, reducindo así o seu contido en lactosa e facilitando a dixestión en persoas que poidan ser intolerantes.  

Ademais, este mesmo proceso permite aumentar o contido en vitaminas, xa que certas bacterias poden sintetizar algunhas destas vitaminas esenciais que o corpo humano é incapaz de producir, así como tamén, mellorar a dixestibilidade das proteínas.   

Impacto na nosa saúde

O iogur contén bacterias beneficiosas que poderían influír de maneira positiva na microbiota intestinal, mellorando a súa composición.   

Como ves, a diferenza entre iogur e leite fermentado é sinxela. Dende agora, cando esteas no supermercado fronte aos teus Iogures Larsa favoritos, saberás que son uns dos tipos de leites fermentados, así como os beneficios que todos eles nos achegan no noso día a día. 

535