O quefir gañou un lugar destacado en moitas das vosas neveiras, larseiros. Lixeiro e cun sabor suave, é un deses lácteos que cada vez gusta máis. Pero, cando falamos de quefir, xurde unha dúbida moi habitual: o quefir ten lactosa?
Se tes intolerancia á lactosa, continúa lendo. Contámosche que contén realmente o quefir, como funciona o seu proceso de fermentación e por que moitas persoas intolerantes, segundo o seu grao de intolerancia, o toleran mellor que o leite tradicional.
Que é o quefir e por que é diferente do leite
O quefir é un leite fermentado, moi semellante ao iogur. Elabórase tradicionalmente a partir de leite e uns fermentos ou cultivos chamados nódulos ou gránulos de quefir. Estes nódulos conteñen microorganismos vivos que transforman o leite mediante a fermentación.
Este proceso de fermentación, necesario para obter o quefir, non só altera o sabor e a textura, senón que tamén modifica a súa composición nutricional. Aquí está a clave para entender o seu contido en lactosa.
O quefir ten lactosa ou non?
A resposta curta é: si, o quefir ten lactosa (agás que estea elaborado a partir de leite sen lactosa).
Durante a fermentación, os microorganismos do quefir utilizan a lactosa como fonte de enerxía. Parte da lactosa, o azucre natural do leite, descompónse e transfórmase en azucres máis sinxelos.
En concreto, segundo algúns estudos, aproximadamente un 30 % da lactosa do leite hidrólizase (é dicir, “rómpese”) durante o proceso de fermentación do quefir. Isto ocorre grazas a unha encima producida polos microorganismos do quefir: a β-galactosidase.
Esta encima rompe a lactosa en dous azucres máis simples: glicosa e galactosa. Ademais, moitas das bacterias presentes converten a glicosa en ácido láctico. O resultado é un leite fermentado con menos lactosa, máis ácido e mellor tolerado polas persoas intolerantes á lactosa, de xeito semellante ao iogur.
Pero ollo, é importante recalcar que o quefir si ten lactosa, aínda que en niveis máis baixos.
Por que o quefir che senta ben
Moitas persoas con problemas de intolerancia á lactosa poden consumir quefir en cantidades moderadas. E non é casualidade: ao fermentar o leite, parte da lactosa transfórmase en azucres máis sinxelos e, á súa vez, parte destes convértense en ácido láctico.
En concreto, a nosa Leite Enteiro Larsa contén 4,6 g de lactosa por cada 100 ml, mentres que o noso Quefir natural elaborado con leite de Pastoreo contén 2,9 g por cada 100 g. Isto non quere dicir que un sexa mellor ou peor ca outro, pero se tes intolerancia á lactosa, esta información pode resultarche moi útil 😉
Por estes motivos, o quefir é unha boa opción para persoas con problemas de absorción ou intolerancia á lactosa, especialmente cando esta é leve ou moderada.
Bibliografía
- Rosa DD,DiasMMS, Grześkowiak ŁM, Reis SA, Conceição LL, Peluzio M do CG. Milk kefir: nutritional, microbiological and health benefits. Nutrition Research Reviews. 2017;30(1):82–96. doi:10.1017/S0954422416000275