Receita de peitugas de polo recheas de grelos e Queixo Semicurado de Pastoreo

Unha forma sinxela de saírse do clásico filete de peituga, e con todo o sabor do Pastoreo!

Notas de interese / Consellos

Presentámosche unha receita ideal para sorprender aos teus cunha versión diferente do clásico filete de peituga de polo. E sen fritir! Súper doada e saborosa, con todo o sabor do Pastoreo do noso Queixo en Barra Semicurado. A única dificultade ou cuestión a ter en conta é que precisas unha peituga enteira e aberta nun só filete por comensal. Se non sabes abrila, pídelle ao teu carniceiro que o faga. A partir de aí, e se segues os pasos que che damos a continuación, será raro que non triunfes. Nesta receita propósmoche un recheo de grelos, pero só che farán falta 2 grelos por peituga e sen talos, así que podes botar man deles se che sobraron doutra comida, utilizalos en conserva ou substituílos por outra verdura, como as espinacas, e listo.

Alérxenos

Lactosa

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 4 peitugas de polo abertas nun só filete.
  • 150 g de Queixo en Barra Semicurado Larsa cortado en liscos xenerosos.
  • 8  grelos cocidos e sen talo (ou 200 gramos doutra verdura cocida).
  • 8 liscos de bacon.
  • Sal e pementa.
  • Aceite de Oliva Virxe Extra.
  • Herbas aromáticas (opcional).

Elaboración

As peitugas de polo son unha solución moi socorrida para as comidas e ceas en familia, á prancha ou rebozadas, o que as converte no prato ideal para un pícnic ou bocadillo. Pero se che apetece facer un prato un pouco distinto, sorprender aos teus e de paso, aproveitar a verdura que che sobre doutra comida, temos a receita perfecta para integralo todo: Peitugas de polo recheas de grelos e Queixo en Barra Semicurado Larsa, o queixo ideal para dar un sabor extra aos teus bocadillos, pero tamén ás túas receitas. Porque está elaborado con Leite de Pastoreo, como os nosos queixos loncheados, pero ademais ten ese extra de sabor dun queixo semicurado. Seguro que xa se che está facendo a boca auga, así que imos cos pasos non sen antes darche un punto extra a favor desta receita: É unha preparación de forno, así que esquécete de fritir!

Para empezar e sobre todo se os teus filetes teñen un grosor irrregular, esténdeos sobre unha táboa, cúbreos cun plástico filme e mázaos para aplanalos ben. Axudarache a mellorar o resultado!

Escorre ben as follas de grelo cocidas e pícaas cun coitelo.

Bótalle sal e pementa nunha das caras das peitugas e cobre ¾ partes da superficie cos grelos picados ben estendidos, deixando unha franxa libre nun dos extremos. Así evitaremos que o recheo desborde cando enroles as peitugas.

Chega a hora de engadir o queixo! Estende os liscos de queixo sobre os grelos e con coidado de que non sobresaian da carne.

Enrola cada unha das peitugas, empezando polo extremo que teña recheo, aos poucos e con coidado de manter o recheo no seu lugar.

Unha vez que teñas todas as peitugas enroladas, rodea cada unha delas con 2 liscos de bacon axustándoas ben para mantelas pechadas.

Prequenta o forno a 200 graos durante 10 minutos.

Mentres, bota un chisco de aceite de oliva sobre unha fonte de forno e coloca as peitugas en paralelo. Salpementaas e, se o desexas, bótalle tamén herbas aromáticas.

Mete a fonte no forno, a altura media e calor por arriba e abaixo durante uns 35 minutos a entre 180 ou 200 graos, dependendo da intensidade do teu forno. Saberás que están listas cando as vexas ben douradas.

Pois xa está. Só che queda sacar a fonte do forno e empratar. Se queres locerte, podes cortar cada peituga en toros e dispoñelos en abanico sobre o prato. Pero se vas tardar en levalas á mesa, déixaas enteiras e que os teus comensais gocen vendo como se espalla o Queixo Semicurado Larsa de Pastoreo derretido no seu prato. Mmm!

1006