Ensalada de verán con polbo, algas e queixo fresco

Un entrante diferente, cargado de sabor e de propiedades. Non o perdas!

Notas de interese / Consellos

Se hai unha ensalada digna de converterse nun prato principal, é esta. Polbo, algas, queixo fresco, sementes, leituga, cogombro e un bo aderezo… Teno todo para converterse no prato perfecto para refrescarse no verán, tanto no día a día como para unha ocasión especial. As algas teñen unha chea de minerais que se suman ao alto contido en proteínas do polbo, as vitaminas e fibra das hortalizas e o calcio do queixo fresco. Ademais, este prato é súper fácil de facer, só tes que seguir os nosos pasos para triunfar.

Alérxenos

Lactosa, peixe
Receta de ensalada de verano con Larsa

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 200 g de leituga
  • 200 g de polbo cocido
  • 100 g de alga wakame deshidratada
  • 50 g de Queixo Fresco Larsa
  • 1 cogombro
  • Aceite de oliva virxe extra
  •  Vinagre de mazá
  •  Sementes de xirasol tostadas
  •  Sal
  •  Un chisco de azucre

Elaboración

Antes de nada, pon a hidratar as algas nun cunco con auga fría durante uns 20 minutos. É o tempo ideal para ir lavando e cortando a leituga e pelando o cogombro.

Unha vez hidratadas as algas, escórreas durante uns minutos nun colador. Se non están cortadas, o ideal é que as piques en tiras.

Corta as follas de leituga en tiras e cobre con elas unha ensaladeira fonda e ampla.

Parte o cogombro á metade ao longo e logo, en toros e colócao sobre a leituga, deixando espazo na parte central para o resto dos ingredientes.

Nesa parte central, coloca as algas picadas e sobre elas, engade o queixo cortado en dados.

Corta o polbo xa frío en toros, igual que se foses preparar polbo á feira e repárteo sobre a ensalada.

Engade as sementes de xirasol sobre todos os ingredientes. Xa só queda o aderezo!

Para facelo, o máis doado é que uses un bote con tapa no que mestures o aceite de oliva, o vinagre, o sal e o azucre e axites enérxicamente.

Asperxe a ensalada coa salsa e deixa refrixerar no frigorífico durante unha hora. Lista para gozar!

811