Flores de Entroido: receita galega

Estas festas goza dunha das sobremesas máis típicas do Entroido galego!

Notas de interese / Consellos

Galicia non sería a mesma sen as súas festas e tradicións. E algo que nunca pode faltar nunha boa festa galega son as sobremesas. Hoxe traémosche o lado máis doce do Entroido: as Flores de Entroido. Para preparar esta sobremesa de textura crocante, ademais dos ingredientes que che enumeramos abaixo, necesitarás un molde con forma de flor para darlles esa singular aparencia. Tranquilo, pode parecer que a elaboración non é sinxela, pero en canto leves feitas un par, verás que é máis doado do que parece. Toma nota dos pasos e a gozar!

Alérxenos

Lácteos, ovos, glute.
Flores de Carnaval.

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 250 ml de Leite enteiro Larsa 
  • 150 g de fariña
  • 1 ovo
  • Unha cullerada de azucre
  • Unha cullerada de canela en po
  • Aceite de oliva
  • Un chisco de sal
  • Media laranxa relada
  • Un molde de metal con forma de flor  

Elaboración

Para comezar coas túas Flores de Entroido, bate o ovo cun batedor de baleas nun bol amplo.

A continuación, rela a laranxa e engádea ao ovo batido. Agrega o leite e o sal e bate todo de novo co batedor de baleas.

Aos poucos vai engadindo a fariña peneirada, mentres a integras na masa con axuda do batedor de baleas para evitar que se formen grumos.

Xa tes a túa masa de Flores de Entroido lista! Agora só ten que repousar.

Verte a masa sobre un bol grande ou bandexa profunda, tapa e agarda 20 minutos.

Pasado este tempo, volve remover a masa e pon unha tixola profunda a lume medio alto e con abundante aceite. Por outra banda, nun prato ou bandexa plana, mestura o azucre e a canela e reserva.

Cando o aceite estea ben quente, sen que chegue a fumear, introduce o molde con forma de flor na tixola e espera a que se quente.

Retira o molde da tixola e introdúceo en vertical na masa sen chegar a mergullalo do todo, só ata a metade da forma de flor.

Colócao de novo en vertical dentro do aceite e axítao ata que a Flor de Entroido se desprenda do molde.

Cando a flor estea dourada por unha banda, dálle a volta con axuda dunha espumadeira.

Unha vez feita polos dous lados, reboza a flor no prato da canela e o azucre para darlle un último toque espectacular. Déixaa repousar nun prato con papel absorbente.

Repite o proceso ata que remates a masa. Serve as túas Flores de Entroido nunha bandexa e… Á mesa!

363