Torta de améndoa e mazá, unha receita doce e fresca

Unha torta súper zumarenta e refrescante!

Notas de interese / Consellos

Esta torta de améndoa e mazá está inspirada na tradicional Torta de Santiago, iso si, cunha sorpresa que non deixará indiferente a ningún larseiro 😉. No seu interior agóchase unha capa de mazá que unida ao sabor doce da améndoa creará unha torta súper zumarenta e refrescante. É unha receita fácil e rápida que podes elaborar en pouco máis dunha hora e que che sorprenderá en sabor e textura, ademais a frescura que lle achegan as mazás é perfecta, tanto para celebrar o Día de Galicia e do Apóstolo Santiago como para calquera outro momento do ano. Tes o mandil posto?

Alérxenos

Ovos, lácteos, glute, améndoas.

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 150 ml de Iogur Natural Larsa
  • 3 ovos
  • 150 g de Manteiga tradicional Larsa
  • ½ cullerada de extracto de vainilla
  • 130 g de azucre
  • 30 g de azucre glas
  • 5 mazás
  • 100 g de améndoa laminada
  • 160 g de fariña
  • 8 g de fermento 

Elaboración

Lava, pela e corta en láminas finas todas as mazás e reservaas para máis adiante.

Prequenta o forno a 180º con calor por arriba e por abaixo e sen ventilador.

Nun bol grande, verte a manteiga a temperatura ambiente xunto co azucre. Bate cunhas varas ata conseguir unha textura cremosa.

Engade os ovos e a esencia de vainilla e continúa batendo ata que se integre todo. Agora, engade o iogur natural Larsa e mestura con suavidade coa axuda dunha espátula ata que se incorpore co resto dos ingredientes.

Noutro recipiente, xunta a fariña e o fermento e remove para combinalos ben. Coa axuda dun coador, peneira esta mestura sobre a preparación anterior e integra todo con suavidade coa axuda dunha espátula de silicona ata acadar unha masa uniforme.

Para montar a torta de améndoa e mazá, engraxa os bordos dun molde redondo cun pouco de Manteiga tradicional Larsa para evitar que a masa se pegue ás paredes. Forra a base do mesmo molde con papel para enfornar para que evitar que se pegue ao desmontar.

Verte a metade da mestura no molde e alisaa cunha espátula. Logo, coloca as láminas de mazá que cortaches ao comezo, creando unha nova capa.

Engade o resto da mestura sobre as mazás e aplana a superficie para decorala ao teu gusto coas améndoas laminadas.

Introduce a torta de améndoa e mazá no forno durante 50 minutos a 180º ata que acade un ton dourado. Pica a torta cun escarvadentes para saber se está lista, se non sae limpo, déixaa no forno 10 minutos máis.

Unha vez feita, retira a torta do forno e déixaa arrefriar. Mentres se tempera, debuxa e recorta nun anaco de papel a Cruz característica da Torta de Santiago.

Unha vez fría, coloca a Cruz de Santiago no centro da torta de améndoa e mazá e cubre a superficie con azucre glas.

Por último, retira o recorte da cruz con moito coidado para non tirar o azucre depositado enriba e… listo! Goza desta torta de améndoa e mazá inspirada na tradicional Torta de Santiago. Que aproveite!

1290