Torta de nata: unha sobremesa galega que te sorprenderá

Suave, esponxosa e moi zumarenta, esta torta coróase cunha deliciosa nata cocida.

Notas de interese / Consellos

O segredo para que a túa torta de nata quede perfecta é doado: deixa que a masa leve sen présas e vixíaa no forno. Cando comece a dourarse un chisco, sácaa para que conserve toda a súa tenrura; deste xeito, obterás unha torta suave e cremosa. Ademais, amasar durante 10-12 minutos tamén axuda a conseguir esa miga esponxosa e, ao engadir a nata cocida con azucre, é importante facer pequenos buratiños na masa para que absorba ben toda a crema. Tamén podes esparexer un pouco de azucre en po por enriba antes de servir para darlle un toque extra de dozura e mellorar a presentación. Con estes consellos, a túa torta será unha auténtica merenda larseira 😊, perfecta para compartir con amigos e familia en calquera momento do día!

Alérxenos

Lácteos, ovos, glute

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

Para a masa: 

  • 400 g de fariña de forza 
  • 1 ovo 
  • 60 g de azucre 
  • 7 g de fermento seco ou 20 g de fermento fresco 
  • 1 chisco de sal 

 

Para a crema de nata e decoración: 

  • 70 g de azucre 
  • 3 culleradas de azucre en po 

Aspectos a ter en conta para esta receita

A torta de nata é un deses doces que forman parte da tradición repostaría galega e que, co paso do tempo, remataron por converterse nun auténtico símbolo gastronómico. É especialmente popular na cidade de Vigo, onde se coñece como torta imperial ou torta de Chapela. Alí é habitual atopala en moitas pastelarías e consumila en celebracións familiares, e non son poucos os vigueses que aseguran tela probado desde pequenos. Coa súa miga tenra e esponxosa e esa capa irresistible de nata cocida con azucre na superficie, converteuse nunha auténtica perdición para os máis larpeiros, dentro e fóra de Galicia 😉. Este doce destaca pola súa textura suave e o seu sabor. Elabórase con ingredientes sinxelos: fariña, ovos, azucre, leite e nata, pero o segredo está en como se combinan para lograr unha masa lixeira e unha crema que empapa a torta tras o enfornado. O toque final de azucre en po esparexido achega ademais un contraste doce moi característico que redondea cada bocado e fai que resulte difícil resistirse a repetir. Aínda que a súa orixe se sitúa en Vigo, a súa popularidade foi medrando cos anos ata estenderse por outros recunchos de Galicia e mesmo fóra da comunidade. Con todo, moitos coinciden en que, como a orixinal da cidade olívica, ningunha. Como acontece con tantas receitas larseiras, a experiencia e a man de quen a prepara marcan a diferenza.

Pasos da preparación

Nun bol grande, mestura a fariña co fermento seco e o chisco de sal.

Noutro recipiente, bate o ovo xunto co azucre. Engade o Leite enteiro Larsa tépedo e mestura ben.

Fai un oco no centro da fariña e verte a mestura líquida, integrando pouco a pouco ata formar unha masa. Incorpora a Manteiga Tradicional Larsa a temperatura ambiente e amasa durante uns 10 minutos, ata obter unha masa lisa e homoxénea.

Forma unha bóla, colócaa nun bol lixeiramente enfariñado, cúbrea cun pano e deixa fermentar aproximadamente 1 hora, ata que dobre o seu volume.

Pasado ese tempo, coloca a masa sobre papel de forno e estíraa coas mans ou cun rolete, formando un círculo duns 1,5 a 2 cm de grosor. Deixa repousar 30 minutos máis.

Mentres fermenta por segunda vez, prepara a crema: verte a Nata para Montar Larsa nun cazo xunto co azucre e cociña a lume medio, remexendo de cando en vez, ata que reduza e espese lixeiramente (aproximadamente á metade). Reserva e deixa temperar.

Prequenta o forno a 180 ºC con calor arriba e abaixo.

Coas xemas dos dedos, fai pequenos buratos por toda a superficie da masa, presionando ata o fondo.

Enforna durante 15-18 minutos, ata que comece a dourarse lixeiramente (sen que se torre demasiado).

Retira do forno e, aínda quente, volve marcar lixeiramente os buratos se se pecharon.

Cun pincel ou unha culler, empapa xenerosamente a superficie coa nata cocida, deixando que penetre ben polos orificios.

Deixa arrefriar completamente, esparexe azucre en po e serve. Lista para gozar! 😋

1108