Xeado de Iogur Larsa

Un pracer estival con máis de 30 sabores posibles

Notas de interese / Consellos

A textura do xeado perfecto depende da cantidade de líquido que conteña a mestura (o leite do iogur) e da graxa e o azucre, que compensan a tendencia a cristalizar dos alimentos. Por iso son importantes as proporcións, aínda que tamén inflúe o tipo de conxelador que teñas ou se usas xeadeira. Se a mestura que obteñas antes de conxelar non é cremosa, o xeado tampouco o será. Comproba a evolución durante o proceso.

Alérxenos

lactosa, mel

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 4 iogures Larsa do teu sabor preferido
  • 200 ml de nata para montar Larsa
  • 2-4 culleradas de mel (en función do sabor elixido e de canto che guste o doce!)

Elaboración

Si, os fans dos iogures Larsa son lexión e esta é cada día máis numerosa, mais tamén máis diversa. Tanto coma a gama de sabores Larseiros, probablemente a máis ampla do mercado, con 30 posibilidades para o deleite dos amantes do iogur. Hai Larseiros que prefiren comer os iogures batidos, outros tal cal, nada máis destapalos. Outros aproveitan até os restos da tapa ou compártenos coas súas mascotas… E tamén hai quen os utiliza con maridanzas e receitas do máis variado, tanto no inverno coma no verán. E ti? É posible que leves anos a gozar dos iogures Larsa sen probar a elaborar un xeado de iogur? Iso haino que remediar! Se che gustan os xeados, este xeado de iogur feito na casa, vaite apaixonar e teralo listo en moi pouco tempo. Ímoste explicar como facelo paso a paso.

Coloca os iogures Larsa do sabor elixido nun coadoiro de tea e asegúrate de retirar todo o soro.

Mentres, monta a nata Larsa con azucre ou adozante para asegurarte de lograr unha consistencia suficientemente firme.

Engade aos iogures 2 ou 4 culleradas xenerosas de mel. A cantidade dependerá de que sabor utilices para o xeado, xa que se por exemplo utilizas o iogur natural Larsa, terás que agregar o duplo de mel que cun azucrado.

Remove os iogures co mel coa axuda dun batedor para mesturalo todo ben e até lograr unha textura máis cremosa no teu xeado de iogur.

É hora de mesturar a nata cos iogures. Engádea cullerada a cullerada até completar todo o proceso. É clave que a mestura sexa cremosa para un xeado de iogur perfecto.

Verte a mestura nun recipiente metálico ou nun molde e méteo no conxelador durante 3 ou 4 horas.

Na metade do proceso comproba que a mestura non cristalizara e se observas que tende a facelo, bátea de novo cada media hora.

Saca o xeado do conxelador 10 minutos antes de servilo. Adórnao se o desexas con pebidas de chocolate, follas de menta ou froitos secos, e a gozar!

895