Se andas á procura dunha sobremesa doada, cremosa e desas que sempre triunfan, o flan de vainilla de Larsa é unha aposta segura. É un deses clásicos de toda a vida que nunca fallan: suave, delicado e con ese aroma a vainilla que nos transporta directamente á cociña da casa.
Ademais, preparalo co noso leite de Pastoreo Larsa, sen dúbida, marcará a diferenza. Grazas á súa consistencia e ao seu sabor natural, o resultado é un flan aínda máis cremoso e cun sabor 100 % dos de antes.
E o mellor de todo? Non é preciso ser un experto culinario nin pasar moito tempo na cociña. Con poucos ingredientes, un chisco de agarimo e algo de paciencia, nunha hora e pico terás lista unha sobremesa perfecta para calquera comida especial… ou simplemente para dartec un capricho ao máis puro estilo larseiro 😉.
Ingredientes:
- 500 ml de leite enteiro Larsa
- 4 ovos
- 120 g de azucre
- 1 vaíña de vainilla ou unha culleradiña de aroma de vainilla
Para o caramelo:
- 75 g de azucre
- 2 culleradas de auga
Flan de vainilla paso a paso
Agora que xa temos todos os ingredientes listos, poñémonos mans á obra co flan de vainilla.
- O primeiro que imos facer é prequentar o forno a 180 ºC, con calor arriba e abaixo. Mentres se quenta, preparamos unha bandexa fonda apta para forno e colocamos un anaco de papel de forno para que as flaneiras que despois imos poñer non se movan.
- Para preparar o caramelo, mesturamos o azucre coa auga nun cazo ao lume e deixamos que comece a ferver. Baixamos un pouco a intensidade e, movendo o cazo coa man, deixamos que o azucre se vaia fundindo pouco a pouco ata acadar unha cor dourada. Nese momento, repartímolo con coidado nas flaneiras, cubrindo ben o fondo, e deixamos que arrefríe.
- Mentres o caramelo arrefría, batemos os ovos co azucre nun bol amplo ata que estean ben integrados e lixeiramente espumosos. Non fai falta montalos; abonda con batelos ben para que o flan quede fino e cremoso.
- Agora, engadimos o leite enteiro Larsa pouco a pouco á mestura de ovos e azucre, removendo suavemente para que todos os ingredientes se mesturen de maneira uniforme.
- Abrimos a vaíña de vainilla pola metade e, coa axuda dun coitelo, raspamos todas as sementes. Engadímolas a leite e mesturamos ben. Se usamos aroma de vainilla no canto da vaíña, este é o momento de incorporalo.
- Batemos lixeiramente a mestura e vertémola con coidado nas flaneiras xa caramelizadas. Se queremos conseguir un flan cunha textura máis fina, podemos pasar a mestura por un coador antes de vertela.
- Colocamos as flaneiras na bandexa que preparamos ao comezo e, con moito coidado, engadimos auga quente ata que chegue a algo máis da metade da altura dos moldes, formando así o baño maría.
- Levamos a bandexa ao forno, que xa estará quente, e enfornamos uns 40 minutos aproximadamente a 180 ºC, ata que o flan estea callado pero aínda algo tremente no centro.
- Cando remate o enfornado, sacamos a bandexa e deixamos que os flans se temperen dentro da auga, sen tocalos, para que asenten ben.
- Cando estean ben fríos, gardámolos no frigorífico durante polo menos 4 horas, aínda que o ideal é deixalos repousar dun día para outro para que collan a textura perfecta.
- E listo! Unha vez estean ben fríos, desmoldamos os flans con coidado e xa podemos gozar deste flan de vainilla Larsa caseiro. A gozar, larseiros 😉!
Truquiños larseiros para un flan perfecto
- Se tes a sorte de conseguir unha vaíña de vainilla, úsaa. Non só achega un sabor incrible, senón tamén un aroma irresistible.
- Para integrar os ovos perfectamente co leite, é importante que estean a temperatura ambiente.
- Hai que prestar especial atención ao caramelo, xa que pode queimarse con moita facilidade. Non o deixes sen vixilancia. Se ves que comeza a botar fume ou se escurece demasiado rápido, retírao inmediatamente do lume.
- Se non tes unha bandexa para forno con paredes altas, podes improvisar con calquera recipiente grande. O máis importante é que a auga poida cubrir sen problema polo menos a metade dos moldes.
- Se che sobra flan, gárdao na neveira, nun recipiente cuberto con papel film transparente ou nun envase hermético. O flan consérvase ben durante uns 4-5 días.
Con que podo acompañar o flan de vainilla Larsa?
Este flan está delicioso por si só, pero é tan versátil que podes acompañalo con case calquera cousa. Algunhas ideas son:
- Con froitas frescas: Acompañar o flan con amorodos, amoras ou framboesas achega un punto ácido moi agradable que contrasta á perfección coa dozura do caramelo e a suavidade do flan. Ademais, dálle un toque máis fresco e lixeiro á sobremesa.
- Nata montada: Un pouco de nata montada caseira ou unha bóla de xeado de vainilla achegan aínda máis cremosidade, convertendo o flan nunha sobremesa máis completa.
- Chocolate: Para os larseiros máis lambóns, un pouco de salsa de chocolate quente ou un chisco de cacao en po sempre funciona moi ben co flan.
Sen dúbida, esta sobremesa é ideal para compartir en familia ou para sorprender os teus amigos cunha receita doada, económica e moi saborosa. Así que, pon o mandil e atrévete a preparar o noso flan de vainilla.