Vieira rechea gratinada

Un primeiro prato para complicarse o xusto nas festas: Sinxelo, riquísimo e Larseiro!

Notas de interese / Consellos

Esta receita só contén como marisco a carne de vieira, pero se queres facer un prato aínda máis fastoso, podes engadirlle 2 ou 3 lagostinos ou gambas por comensal e incorporalos cando prepares o refrito coa cebola e o allo

Alérxenos

Marisco, Lactosa, Glute
Descubre a nosa receita de vieira rechea gratinada

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

(Para 6 persoas)

Elaboración

As vieiras son un dos mariscos máis axeitados para unha cea de Noiteboa ou a comida de Nadal, sobre todo nas casas de mesa grande. Como verás, esta receita é moi fácil de facer, e está boísima, pero ademais ten dúas grandes vantaxes: Podes adiantala todo canto queiras e simplemente enfornala 5 minutos antes de sentarte á mesa e, ao estar gratinada, aguanta a calor para agardar aos impuntuais e servir o prato quente a todos os comensais á vez. As vieiras recheas gratinadas son unha evolución dun prato clásico da gastronomía galega, a Vieira á galega ou ao forno. Os dous enfórnanse, o que cambia neste caso é o recheo que leva a cuncha. Si, aínda que as compres conxeladas, vas necesitar a cuncha. As vieiras son un bivalvo cun sabor espectacular pero suave, que en poucos pasos permiten preparar un prato boísimo. E ademais, é moito máis sinxelo para comer que outros mariscos, ideal para todas as idades!

Limpa ben as vieiras, lávaas con auga fría e separa os corais do medallón. Deixa as cunchas cos medallóns dentro e reserva os corais. Pica ben fina a cebola e o allo e rústreos nunha pota baixa ou un cazo con aceite de oliva.

Engade o viño e deixa cocer a mestura ata que o líquido se reduza á metade. Salga lixeiramente e bota un chisco de pementa, retira o cazo do lume e reserva.

Nunha tixola derrete a manteiga a lume suave, engade a fariña e remove cun batedor de varas.

Deixa cocer a fariña a lume baixo durante uns minutos ata que se doure, sen deixar de remover para eliminar o sabor a fariña crúa. Verte na tixola o leite a temperatura ambiente sen deixar de remover para desfacer os cadabullos.

Cando a salsa espese, engade os corais e deixa cocer 5 minutos máis. Logo tritura a bechamel cun batedor de brazo para triturar os corais e, mentres, engade o refrito.

Xa tes listo o recheo, só queda rectificar de sal e pementa e encher as vieiras.

Para facilitarche as cousas, podes esparexer unha boa capa de sal gordo sobre a fonte de forno antes de colocar as cunchas das vieiras. Deste xeito, non se moverán.

Enche as cunchas coa bechamel mentres prequentas o forno a 200 graos. Introduce a bandexa na parte superior do forno coa función de gratinado activada e deixa cociñar de 5 a 8 minutos ou ata que estean douradas. Todo o mundo á mesa!

805