Como facer as castañas cocidas con leite máis saborosas

Pasamos todo o ano esperando a tempada de castañas e, agora por fin, podemos saborealas con Leite Larsa

Notas de interese / Consellos

As castañas cocidas con leite son unha sobremesa tradicional de Galicia, aínda que sabemos que os Larseiros somos tan de “lambonadas” que podemos poñernos “mans á masa” en calquera momento do día ​​😋 Almorzo, merenda, sobremesa… Dá igual cando, o importante é gozar das Receitas Larseiras. Vas desexar que o outono e a tempada de castañas dure todo o ano, palabra de Larseiros! Segue lendo, hoxe compartimos a receita estrela (con algunhas innovacións) que vai de xeración en xeración, pero que permanece fiel á calidade: Sempre con Larsa ❤

Alérxenos

Lactosa, froitos secos

Que produtos de Larsa precisas para facer a receita?

Ingredientes

  • 500 g de castañas
  • Sal
  • 1 litro de auga para cocer as castañas
  • 1 cullerada de azucre
  • 500 ml de Leite de Pastoreo Enteiro Larsa
  • 1 rama de canela (opcional)
  • Mel (opcional)

Elaboración

Pelamos as castañas coa axuda dun coitelo, quitamos só a casca. É unha tarefa un pouco laboriosa, pero o resultado merecerá a pena.

Nun cazo ou nunha pota a lume alto poñemos un litro de auga, un chisco de sal e cocemos as castañas durante 15 minutos. É importante que non queden duras pero que tampouco se desfagan ao collelas.

Unha vez que estean cocidas poñémolas nun escoadoiro para que arrefríen. Podemos usar auga fría se temos moita fame e queremos ir rápido 😉

Cando as castañas estean frías ou tépedas, pelámolas quitando a “segunda pel” para que queden o máis limpas posibles.

Baleiramos de auga o cazo ou a pota anterior e botamos o leite e o azucre. Poñémolo a quentar a lume medio mentres removemos cunha culler de madeira. Podemos incluír unha rama de canela se queremos darlle máis sabor.

Cando o leite empece a quentarse, incorporamos as castañas xa peladas e limpas. Cocemos durante 5 minutos e xa está a nosa sobremesa lista para consumir!

Botamos nunha cunca as castañas co leite e comezamos a saborear. Ah! Para innovar podemos botarlle un chisco de mel e mesturalo todo. Non ten dúbida 🤪

1134