Como facer a Torta de millo de Guitiriz na casa

Hai sabores que nunca se esquecen. De feito, algúns se converten en iconas e parte da tradición dunha terra. Como no caso dos melindres galegos, a Torta de millo de Guitiriz é outro estandarte da repostería galega. De feito, é un dos seus biscoitos máis representativos e saborosos. Quen o proba, repite. E é que o seu sabor, a súa textura e a súa forma tan característica, cun buraco no centro, convertérono nunha das sobremesas típicas e populares que non poden faltar en festas ou celebracións.  

As únicas referencias que falan sobre a orixe da Torta de millo de Guitiriz atribúenselle a unha muller misteriosa que vagaba pola aldea de Guitiriz durante unha noite xélida. Algúns din que era a auténtica Virxe María. A única persoa que lle deu acubillo foi unha muller famenta que lle abriu as portas do seu humilde fogar. Como agradecemento, a muller misteriosa díxolle que fixese unha torta mesturando auga coa cinza da lareira. Para a súa sorpresa, a cinza converteuse en fariña de millo e así naceu a primeira Torta de Guitiriz. Esa mesma noite, un diluvio arrasou coa aldea. A única casa que quedou en pé foi a da humilde muller. Por iso, esta sobremesa asóciase tamén a xenerosidade e hospitalidade.  

Desde entón, a comunidade lucense de Guitiriz presumiu deste doce típico cuxa venda se estendeu a pastelerías e panaderías de diferentes cidades, pobos ou aldeas galegas. Entre os seus ingredientes, ademais da manteiga de vaca, destacan, como non, a fariña de millo e os ovos caseiros que dan unha cor potente e saborosa á torta. Na nosa receita, imos explicarche como facer esta torta con Manteiga Tradicional Larsa.   

Queres saber como facer esta deliciosa sobremesa e de maneira sinxela? Segue lendo e aprende como facer a Torta de Guitiriz nun anaco.  

Ingredientes para a Torta de Guitiriz

  • 250 gramos de fariña de millo  
  • 200 gramos de azucre  
  • 200 gramos de Manteiga Tradicional Larsa  
  • 6 ovos grandes  
  • 1 Iogur Natural Larsa  
  • 1 sobre de fermento en po  
  • 1 chisco de sal  
  • Reladura de limón 
  • Azucre glas  

Que utensilios vas precisar?

  • 1 molde para a torta 
  • Unhas baleas ou batedora  
  • 2 boles grandes  
  • 1 culler  

Como facer a Torta de millo de Guitiriz na casa paso a paso

Como en calquera receita, o primeiro que debes ter en conta para elaborar a Torta de millo de Guitiriz é contar con todos os ingredientes necesarios. Unha vez teñas isto seguro podemos poñernos ao choio.  

  1. En primeiro lugar, poñemos a prequentar o forno a 180ºC con calor arriba e abaixo. Mentres se vai quentado, preparamos os ingredientes da nosa torta.  
  2. Colocamos un bol grande sobre unha superficie fixa e mesturamos no seu interior a fariña de millo, o azucre, o fermento en po e un chisco de sal.  
  3. Agora derretemos a manteiga. Colocámola nun recipiente para microondas e quentámola 30 segundos. Se vemos que non se derrete de todo, volvemos quentar uns segundos extra, vixiando que non ferva. Reservamos ata que se amorne.  
  4. En paralelo, noutro bol dun tamaño similar e cunha batedora ou unhas baleas, batemos os seis ovos e agregamos a Manteiga Tradicional Larsa derretida a temperatura morna.   
  5. A continuación, engadimos á mestura anterior o Iogur Natural Larsa e a reladura de limón. Integramos coas baleas todo ben ata que a mestura quede consistente.  
  6. Unha vez teñamos feita a mestura líquida, vertémola no bol cos ingredientes secos e mesturámolo todo moi ben coas baleas ata conseguir unha masa homoxénea.  
  7. Seguidamente, engraxamos con manteiga o molde para a torta e espolvoreamos o interior con fariña de millo. Facendo isto non se nos pegará.  
  8. Vertemos a masa da Torta de Guitiriz e alisamos a superficie coa axuda dunha espátula.  
  9. A continuación, introducimos o molde no forno e enfornamos durante 40 minutos, aproximadamente. Para saber se a torta está cocida, pícaa cun escarvadentes no centro. Se sae limpo, estará lista.  
  10. Retiramos o molde do forno con coidado de non queimarnos. Deixamos repousar durante uns 15 minutos, desmoldamos e deixamos arrefriar a torta completamente sobre a mesma reixa do forno.  
  11. Cando estea practicamente fría, espolvoreamos por encima con azucre glas ao gusto para decorar. Listo! Goza dunha Torta de millo de Guitiriz boísima. 

Cando e con que gozar da Torta de Guitiriz?

Sen dúbida, un dos mellores momentos do ano para gozar da Torta de millo de Guitiriz é durante a Festa da Torta de Millo desta mesma localidade. Celébrase cada ano no mes de xuño. Durante esta festa, pódese degustar esta elaboración en diferentes postos de pastelerías ou panaderías locais.  

Igualmente, a Torta de millo de Guitiriz é unha delicia para probar en calquera época do ano. É unha sobremesa ideal tras unha comida ou cea con familia ou amigos na casa. Seguro que ninguén se resiste a probar un anaco!  

Por si soa, a torta está deliciosa e é moi tenra, aínda que tamén é ideal para acompañala cunha bebida quente como un café, un té ou unha infusión. Ademais, a súa textura e sabor doce convértena nunha opción moi apetecible como almorzo ou para unha merenda a media tarde. Para a súa conservación, mantenla nun lugar fresco e seco. Podes envolvela cun papel filme alimentario para manter o seu aroma e humidade.  

Xa sabes cando vas facer na túa casa a Torta de millo de Guitiriz? Proba a preparar esta deliciosa receita e cóntanos que che pareceu! 

671