Que é a lactase, a encima que nos axuda a dixerir o leite

Se es intolerante á lactosa, seguro que escoitaches falar da encima lactase. Pero, que é exactamente a lactase? En esencia, é a encima responsable de que unhas persoas toleren a lactosa sen problemas e outras non. Neste artigo explicámosche todo sobre a lactase de xeito claro e fácil de entender. Imos paso a paso. 

Que é a lactase e para que serve

Para entender que é a lactase (con “a”), hai que comezar pola lactosa, o azucre natural do leite. 

A lactosa está formada pola unión de dous azucres simples: glicosa e galactosa. O noso intestino non pode absorbela directamente, así que precisa descompoñela previamente. Aquí entra en xogo a encima lactase. 

A lactase é unha encima (un tipo de proteína) localizada no intestino delgado. A súa función é sinxela: “cortar” a ligazón que une os dous azucres simples que forman a lactosa para permitir a súa absorción: a glicosa e a galactosa. 

Se esta encima non está presente en cantidade suficiente, a lactosa chega intacta ao colon, onde as bacterias ferméntana e poden aparecer provocar síntomas como inchazón, gases ou diarrea; é dicir, o que se coñece como intolerancia á lactosa. 

Por que algunhas persoas perden a lactase

Cando falamos de lactase, tamén falamos de xenética. Os niveis desta encima son moi altos nos bebés e nos nenos pequenos en período de lactación, pero na maioría das poboacións do mundo diminúen progresivamente coa idade. Isto chámase hipolactasia do adulto e afecta a gran parte da poboación a nivel global. 

Porén, algunhas poboacións (sobre todo en Europa) que consumiron leite durante miles de anos desenvolveron unha variante xenética que permite manter a produción de lactase durante toda a vida. Isto é o que se coñece como persistencia da lactase. 

Como saber se teño suficiente lactase

Sospeitalo é doado: cando non producimos suficiente encima lactase, aparecen síntomas como gases, dor abdominal, inchazón ou diarrea despois de consumir leite ou produtos lácteos. Se estes síntomas desaparecen ao reducir ou retirar a lactosa durante uns días, é unha pista importante. 

Aínda así, a única forma de comprobalo é mediante probas específicas, como o test de hidróxeno espirado, pautado por un profesional sanitario. Só así poderás saber se efectivamente tes intolerancia á lactosa. 

Podo seguir tomando leite se son intolerante á lactosa?

Ser intolerante á lactosa non significa deixar de tomar lácteos. De feito, os lácteos son un grupo de alimentos indispensable, xa que nos achegan proteínas de calidade, calcio de fácil absorción, vitaminas (A, D, B2, B12) e outros minerais beneficiosos para a nosa saúde. Consumir as 3 racións de lácteos recomendadas ao día é unha forma doada e deliciosa de cubrir os requirimentos de moitos nutrientes esenciais. 

Agora ben, Larseiro, se es intolerante á lactosa, é importante elixir ben o tipo de lácteo. En Larsa temos unha ampla gama de produtos sen lactosa, pero con todo o sabor do noso Leite de Pastoreo. 😉 

Son unha opción práctica e deliciosa: a lactosa xa está descomposta grazas á encima lactase engadida durante a súa elaboración, polo que podes consumilos sen medo a presentar síntomas e gozar de todo o seu sabor. 

579