Intolerancia á lactosa

Existen numerosas dúbidas e mitos ao redor da lactosa. Por ese motivo, hoxe traémosvos un post que aclarará todas as dúbidas ao redor da intolerancia a este azucre que está presente de forma natural no Leite. Información relevante non só para as persoas intolerantes, senón para o público en xeral. Segue lendo para enterarte de todo!

 

Lactosa: que é e en que consiste

A lactosa é un disacárido formado a partir de galactosa e glicosa. Ao tratarse dun hidrato de carbono simple, a súa función céntrase en proporcionar enerxía. Cando dicimos simple, queremos dicir que se absorbe dunha maneira rápida. Podemos atopar este disacárido no Leite e os produtos lácteos de forma natural.

A intolerancia á lactosa é causada pola incapacidade do intestino de dixerir a lactosa e transformala en galactosa e glicosa. Isto prodúcese cando o organismo fabrica moi pouca cantidade de lactasa ou directamente non o fai.

A lactasa é unha  encima que descompón  a lactosa en galactosa e glicosa. O déficit desta encima pode estar causado por diferentes razóns, entre elas; a ausencia do consumo de lactosa, unha enfermidade que dana as mucosas intestinais ou tamén pode ter unha orixe xenética.

Os síntomas poden ser moi variados. E aínda que, polo xeral, ningún deles pon en risco a vida da persoa, si pode provocar situacións incómodas que poden chegar a ser moi dolorosas. Entre as máis comúns atopámonos coa dor abdominal, os gases, a diarrea, a distensión abdominal ou, mesmo, os vómitos.


Como saber se es intolerante á lactosa?

Para coñecer se unha persoa é intolerante á lactosa, débese realizar unha proba médica que confirme esta patoloxía. Existen diferentes probas. Entre elas podemos atopar: 

  •         Test de alento expirado (A máis utilizada).
  •         Test sanguíneo de sobrecarga/tolerancia de lactosa.
  •         Biopsia do intestino delgado.
  •         Test xenético.
  •         Test de Gaxilosa.

Graos de tolerancia e etiquetaxe

Non todas as intolerancias son iguais. Dentro do grupo de persoas intolerantes,
podemos atoparnos diferentes graos de tolerancia á lactosa. 

1- Por unha banda, hai persoas cunha tolerancia bastante alta. Isto permitiralles consumir iogur ou queixo sen ningún tipo de problema e mesmo poderán inxerir pequenas cantidades de leite. 

2- Doutra banda, atoparémonos a outro tipo de persoas; as hipersensibles, que apenas poderán probar un iogur sen sufrir molestias. 

A gravidade dos síntomas varía dependendo da cantidade de lactosa que se inxire e do grao de tolerancia individual. Hai pacientes que con cantidades pequenas de lactosa (de 5 a 12 gramos, contidos en 100 a 250 cc de leite) poden presentar síntomas.

Para evitar un incidente inesperado, as persoas con intolerancia á lactosa deben revisar a etiquetaxe dos alimentos que inxiren. Os lácteos poden estar presentes como ingrediente nalgúns outros alimentos porque na elaboración do produto agregouse lactosa co fin de lograr unha función organoléptica ou de conservación sobre o alimento. 


Produtos sen lactosa

Larsa, no noso compromiso por ofrecer produtos para todo tipo de persoas, dispón dunha gama ampla de produtos Sen Lactosa. Todos eles están elaborados con Leite de Pastoreo.

Dentro da variedade de produtos Sen Lactosa podemos atopar o Leite sen Lactosa Desnatado e o Leite Semidesnatado. Os dous están dispoñibles co mesmo formato e composición nutricional que o Leite con lactosa.

Con todo, non só dispomos de leite para os intolerantes á lactosa. Tamén comercializamos outro tipo de produtos como o Queixo en Lonchas Sen Lactosa ou a gama de Iogures sen Lactosa sabor natural, amorodo ou vainilla.

 

Propiedades organolépticas

As características organolépticas dos produtos tradicionais e dos produtos Sen Lactosa poden diferir un pouco. O feito de deslactosar os produtos como leite e derivados pode dar lugar a un sabor máis doce en comparación cos produtos tradicionais.

O valor nutricional dos produtos Sen Lactosa non varía con respecto aos produtos tradicionais.

Lácteos con menos lactosa

Non todos os lácteos dispoñen da mesma cantidade de lactosa na súa composición. Por exemplo, o iogur, posúe menos lactosa que o leite. Isto é debido ao proceso de fermentación das bacterias do iogur, o que propicia que a lactosa se vaia degradando.

No queixo ocorre o mesmo. Non todos teñen a mesma cantidade de lactosa, diferindo duns queixos a outros. Por exemplo, os queixos cunha maduración máis longa, adoitan conter menos lactosa.


Unha persoa tolerante á lactosa pode consumir produtos Sen Lactosa?

A resposta é si, pero con matices. Non existe un problema real con que unha persoa tolerante á lactosa poida consumir produtos sen ela, xa que a única diferenza entre un produto Sen Lactosa e outro normal é a presenza da encima lactasa.

Con todo, a longo prazo, se unha persoa é tolerante e unicamente consome alimentos sen lactosa, podería desenvolver unha intolerancia á lactosa. Isto é debido a que a enzima que dixire a lactosa podería ir deixando de producirse paulatinamente. O organismo  funciona con retroalimentación positiva, é dicir; canta máis lactosa inxires, máis lactasa produce o teu organismo. Por este motivo, non é aconsellable consumir alimentos Sen Lactosa de forma habitual.  

1175