Tipos de alimentación das vacas de Pastoreo

A alimentación das vacas de Pastoreo é un aspecto esencial para Larsa. Que comen e como comen as nosas vacas inflúe na calidade e no sabor do Leite 100% de Pastoreo Larsa.

Queres saber como é a alimentación das vacas de Pastoreo? Segue lendo e coñece canto comen as vacas de Pastoreo, onde pastan as vacas e todos os beneficios que achega o Pastoreo, o modelo sostible de produción de Larsa, ás nosas vacas e, por extensión, na nosa gama de produtos larseiros.

Que tipo de alimentación teñen as vacas?

As vacas das ganderías certificadas en réxime de Pastoreo aliméntanse principalmente de pasto. Os prados ofrécenlles herba fresca e abundante de, polo menos, 5 centímetros de alto.

As nosas vacas saen a pastar ao aire libre sempre que a meteoroloxía o permita.  Nunca menos de 120 días ao ano, ou 6 horas ao día nos últimos 12 meses. Se a climatoloxía é adversa, as vacas son alimentadas con forraxes de herba e millo colleitados e almacenados polos nosos gandeiros na primavera e outono. Ademais, complementan a súa alimentación con concentrados.

E cando falamos de mal tempo para pastar? As vacas son sensibles ás temperaturas extremas, ao estrés térmico e aos fortes ventos. A súa temperatura ideal é intermedia; nin demasiado frío nin demasiada calor. A temperatura corporal das vacas é de 38,5 graos de media, e cando a temperatura exterior é superior a estes niveis ou moi inferior, as vacas deben dedicar enerxía a regular a súa temperatura corporal. Por iso é importante que nos pastos existan zonas de sombra natural e manter as vacas a cuberto en días de temporal.

As explotacións de Pastoreo de Larsa son gandeiras e agrícolas á vez. Ademais de servir para que pasten as vacas, tamén se practica a rotación de cultivos de herba e millo. Pola alimentación natural das vacas, as ganderías de Pastoreo Larsa producen mellor leite, son máis autosuficientes e dependen en menor grao do mercado para nutrir ás vacas.

O ensilado permite almacenar e conservar a herba e o millo para alimentar ás nosas vacas en épocas de seca ou frío. Para iso, ferméntanse as forraxes de forma anaerobia ou sen osíxeno, para que manteñan a súa calidade e valor nutritivo ao longo do tempo. O osíxeno é un dos principais inimigos dos silos, xa que poden aparecer bacterias ou fungos que os deterioren e contaminen.

Os silos de herba e de millo achegan unha gran cantidade de proteínas e son unha fonte de enerxía para as vacas, reducindo a necesidade de alimentalas con penso e concentrados.

Canto come unha vaca de Pastoreo?

As vacas das nosas ganderías poden comer ata 30 quilos de pasto ao día. Pero esta cantidade pode variar segundo a idade, tamaño e estado das vacas.

Entre as plantas favoritas que inxiren as vacas atópanse a herba fresca, sobre todo os brotes máis tenros, os dentes de león, as margaridas ou os trevos. Estas herbas, sobre todo o trevo violeta, melloran o Leite de Pastoreo, xa que contén máis Omega-3.

Cal é o mellor alimento para as vacas?

Segundo o estudo realizado polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (A Coruña), as vacas que pastan producen un leite de maior calidade e con máis beneficios para a saúde.

En canto ao perfil nutricional, existe unha diferenza a favor do Leite de Pastoreo no seu perfil lipídico. Existe unha diminución no contido graxo e, ademais, presenta unha variación no tipo dos seus ácidos graxos, tendo unha proporción lixeiramente maior de ácidos graxos insaturados.

Por outra banda, o contido das vitaminas e antioxidantes do Leite de Pastoreo tamén se ve aumentado. Grazas á alimentación de pasto da vaca, o leite que se obtén presenta unha lixeira maior porción de carotenos e de vitaminas liposolubles, como son as vitaminas A e E.

O sabor do noso Leite de Pastoreo tamén varía segundo a estación e os alimentos que inxira a vaca. Isto convérteo nun produto nutritivo e saboroso.

Non só as nosas vacas son máis felices pastando, senón que tamén nos permiten elaborar unha gama de produtos cunha textura e un corpo único.

Onde pastan as nosas vacas?

As ganderías en réxime de Pastoreo son amplas extensións de terreo, distribuídas en tres das catro provincias galegas, que permiten ás nosas vacas pastar ao aire libre, sen tensión e ao seu ritmo.

As máis de 400 ganderías certificadas en réxime de Pastoreo son de tamaño mediano e os rabaños que pastan nelas teñen entre 15 e 100 vacas.

Para ser consideradas vacas de Pastoreo deben dispoñer dunha hectárea de terreo por cada 2,5 animais adultos. Así, cada vaca pode pastar placidamente nun extenso espazo no que pode moverse libremente.

Beneficios do Pastoreo na alimentación das nosas vacas

O Pastoreo non só é un forma natural, tradicional e sostible de alimentar ao gando, tamén supón grandes beneficios para as vacas:

  • Mellora a calidade do leite. As vacas que pastan producen leite cun perfil nutricional lixeiramente distinto en canto ao seu perfil graxo e de vitaminas e antioxidantes, xa que o pasto achega unha ampla variedade de nutrientes. Así, os produtos elaborados con Leite de Pastoreo son saborosos e nutritivos.
  • Benestar animal. As nosas vacas en réxime de Pastoreo teñen unha maior calidade de vida. Saír aos pastos permítelles exercitarse e fortalecer os seus músculos e reducir a cantidade de lesións que sofren nas patas.
  • Mellor estado de saúde. Ademais de gozar dunha maior calidade de vida, as nosas vacas son máis lonxevas que aquelas que se alimentan só de concentrados, pensos ou forraxes e así o aseguran os nosos gandeiros. O consumo de pasto fresco e gozar do aire libre axudan a mellorar o seu estado de saúde físico e mental.
  • Rendibilidade na alimentación. O Pastoreo é un modelo ou unha forma de vida moito máis rendible e sostible. Ao valerse de recursos naturais como a herba fresca ou os silos de herba e millo para alimentar ás vacas, os gandeiros reducen os gastos en pensos ou concentrados e depéndese moito menos do mercado.
  • Sustentabilidade ambiental. O réxime de Pastoreo é tremendamente beneficioso para o medio ambiente. Axuda a reducir a pegada ambiental, xa que as vacas ao alimentarse do pasto, estimulan un maior crecemento da herba, diminuíndo os niveis de carbono. As vacas tamén actúan como devasas ou cortalumes naturais ao saír a pastar ao aire libre polos montes galegos. E non podemos esquecernos do valor do esterco que producen as vacas á hora de rexenerar o chan, achegándolle múltiples nutrientes que melloran a súa produtividade agrícola e actividade biolóxica.
863