As festas están á volta da esquina, larseiros, e se hai algo que nunca falla como entrante, e que converte calquera reunión nun momento culinario especial, é unha boa táboa de queixos. É unha opción elegante, deliciosa, entretida e perfecta para xuntar a todo o mundo arredor da mesa. E o mellor de todo é que preparala é supersinxelo: só precisas escoller ben as variedades, presentalas con agarimo e acompañalas cos ingredientes axeitados.
Hoxe imos descubrir como preparar unha táboa de queixos ideal, que variedades elixir e como combinalas para te convertas no mellor anfitrión ou anfitrioa este Nadal.
Que queixos podes empregar?
O mundo do queixo é infinito, pero para facilitarche a elección dividímolos en dous grandes grupos: queixos de pasta dura e queixos de pasta branda. Dentro deles atoparás unha infinidade de opcións: de vaca, cabra ou ovella; afumados, cremosos, novos, curados… Todo un universo de sabores! E, por suposto, seguro que entre eles se cola algún dos queixos da nosa queixería Larsa, un acerto que nunca falla.
En España contamos con auténticas xoias queixeiras. Por iso deixámosche unha selección de opcións que sempre funcionan e que lle darán á túa táboa do Nadal unha combinación perfecta de sabores e texturas.
Queixos de pasta dura
Ideais para aportar carácter, aroma e un toque de firmeza á táboa.
- San Simón de Larsa, queixo en taco afumado: Un afumado galego listo para servir en porcións. Tenro, suave e sempre no punto de maduración ideal. Un imprescindible para os amantes dos queixos con personalidade.
- Queixo Bóla con Leite de Pastoreo: O noso clásico queixo redondo con codia vermella e interior suave e tenro, elaborado con Leite de Pastoreo. Un emblema dos fogares galegos dende os anos 80.
- Queixo Manchego: Un clásico elaborado con leite de ovella en Castilla-La Mancha. Sabor intenso e cun puntiño salgado.
- Queixo de Mahón: Queixo menorquino de leite de vaca, textura firme, sabor suave e un toque lixeiramente salgado.
- Parmigiano Reggiano: Este queixo italiano queda espectacular se o engades en forma de lascas ou en pequenos anacos.
- Comté: Esta marabilla francesa achega aroma e notas tostadas. Unha opción perfecta para os amantes dos queixos intensos.
- Edam: Este queixo holandés é perfecto para darlle un toque suave e equilibrado á túa táboa.
Queixos de pasta branda
Perfectos para sumar cremosidade e untuosidade. Os favoritos de moitos larseiros!
- Queixo Galego con D.O. Arzúa-Ulloa: O noso decano, manteigoso e suave, co sabor auténtico que nos acompaña desde 1933. Perfecto para incorporar na túa táboa.
- Queixo Galego con D.O. Tetilla: Cun 100% de leite galego, é recoñecible pola súa forma e por posuír un sabor equilibrado. Está delicioso frío e quente. Un acerto que non te podes perder!
- Torta do Casar: Este queixo extremeño ten un sabor forte e intenso, e é perfecto para untar con picos de pan.
- Brie: Orixinario de Francia, este queixo é cremoso, suave e ademais… A súa codia é comestible!
- Camembert: É un queixo similar ao brie, pero cun sabor un pouco máis profundo. A opción trufada é unha auténtica delicia 😉.
Cantidade de queixo por persoa?
Este é un dos dilemas máis comúns. Ninguén quere quedar curto nin que sobre demasiado. Unha regra sinxela é calcular entre 100 e 120 gramos de queixo por persoa. Ademais, se vas ofrecer outros aperitivos, o mellor é inclinarse pola cantidade máis baixa. Por exemplo, se sodes dez persoas e queres presentar catro tipos de queixos, cuns 250 gramos de cada un, un quilo en total será suficiente. Así, todos poderán probar un pouco de cada variedade sen que sobre demasiado.
En canto a cantos tipos de queixo elixir, para unha ou dúas persoas é suficiente con un ou dous, para grupos de dúas a catro persoas o ideal son tres, e en reunións máis grandes convén ofrecer entre catro e cinco tipos diferentes.
Como servir o queixo: orde e presentación
A presentación importa, así que elixir unha boa base pode marcar a diferenza. Unha táboa bonita sempre funciona; unha lousa ampla tamén é moi elegante, aínda que debes ter coidado cos queixos máis graxos porque poderían deixar marcas.
Para servir o queixo, segue unha orde que respecte a intensidade do sabor: dos máis suaves aos máis fortes. Podes colocalos seguindo as agullas do reloxo ou de esquerda a dereita, como che resulte máis cómodo.
Cada queixo ten o seu corte ideal:
- Brandos: en porcións triangulares, coma unha torta.
- Duros: en triángulos pequenos ou lascas.
- Queixo bóla e similares: en cubos.
- Parmigiano Reggiano: esmigallado.
Ademais, lembra sacar os queixos da neveira polo menos unha hora antes. A temperatura ambiente expresan moito mellor os seus aromas e texturas.
Con que podo acompañar a táboa de queixos?
Unha boa táboa de queixos non se sostén só co queixo: os acompañamentos son os que fan que cada bocado se converta nunha experiencia gastronómica única. Algunhas ideas son:
- Selección de pans: artesáns, de masa nai, branco rústico, centeo, multicereais ou con froitos secos.
- Galletas e pans crocantes: picos, regañás, crackers ou rosquillas.
- Marmeladas e compotas: froitos vermellos, laranxa amarga, pemento ou cebola caramelizada.
- Doce de marmelo ou cabaza confeitada: combinan practicamente con todos os queixos.
- Froitos secos: améndoas, noces, pistachos, abelás… Sempre torrados e frescos.
- Froita fresca: uvas, figos, mazá verde ou pera.
- Olivas e encurtidos: aportan un toque salgado e ácido que contrasta co sabor dos queixos.
- Mel: Úsaa en pequenas cantidades, especialmente se é artesanal.
Preparar unha táboa de queixos é unha maneira fermosa de dar a benvida aos teus convidados este Nadal. Variedade, sabor, texturas e unha presentación coidada farán que todos queden coa boca aberta. Agora só queda gozar, compartir… E repetir!