Toda unha vida nun vasiño de iogur. Repasamos a historia dos nosos iogures Larsa

A historia dos nosos iogures Larsa

Como seguro que xa notaches, en Larsa vimos de estrear nova imaxe para o noso produto con máis admiradores. O iogur! É un cambio de cara, para manter o mesmo corazón. Porque os nosos iogures seguen mantendo a mesma esencia, a mesma receita coa que se estrearon no mercado, hai xa 56 anos. E nin se nos ocorre cambiala!

Por iso e porque nos encanta satisfacer a curiosidade dos nosos  queridísimos Larseiros, hoxe queremos repasar contigo a historia dos nosos iogures. Poderías contestar á pregunta de en que ano probaches o teu primeiro iogur  Larsa?

Se a resposta é non, dámosche a benvida á nosa comunidade de  Larseiros, un grupo cada vez máis numeroso de fans da nosa marca que non son quen de concretar datas porque os nosos iogures, queixos e Leite de Pastoreo están nas súas vidas dende sempre, de toda a vida

Os nosos vasos de ’Yoghourt’?

Comezamos a elaborar os nosos iogures en 1964 aínda que se naciches ao redor dese ano é probable que non lembres os nosos característicos vasos de plástico ata uns anos despois. Comezamos a envasalos así na década dos 80. E como podes comprobar na nosa imaxe, chamabámolos  yoghourt. Cantas letras! Eh? A palabra de orixe non era española e entón chamábanse así, pero acabou adaptándose á súa versión actual, e iogur en galego.

Os iogures teñen unha orixe milenaria nalgunhas civilizacións pero na Europa occidental puxéronse de moda a mediados do século pasado, grazas ás propiedades contra o envellecemento que lle atribuíu entón o  microbiólogo Iliá Méchnikov, Premio Nobel de Medicina en 1908. E por iso os primeiros iogures empezaron a venderse en farmacias. Como un medicamento! Daquela, envasábanse en cristal e foi así, en vasos de cristal e distribuídos en farmacias, como se estrearon no mercado os primeiros yoghourts Larsa. Lémbralos?

O que si podes lembrar se es da zona de Vigo, son as visitas escolares á fábrica de iogures Larsa. A nosa primeira planta estaba en Balaídos e alí elaborabamos iogures e leite fresco, o leite do día, como se chamaba entón, pero tan de Pastoreo coma agora. Desde alí comezamos a conquistar o corazón, e o estómago!, de moitos dos nosos #Larseiros de honra, que mantiveron viva a tradición familiar de deixarnos entrar nos seus frigoríficos, xeración tras xeración, ata hoxe. 

O segredo, o noso Leite de Pastoreo e un proceso tradicional

A fábrica de Balaídos xa envasaba os iogures nos nosos característicos vasos de plástico nos 80 e mantivo a súa produción en exclusiva ata 1992, cando a trasladamos á actual de Vilagarcía. Hoxe producimos alí nin máis nin menos que 1.600.000 iogures Larsa por semana co noso Leite de Pastoreo Larsa: Con cada 1.000 litros de leite facemos 8.000 iogures. 

 E a pesar dese alto volume de produción, a nosa planta vilagarciá segue mantendo a elaboracón tradicional, cunha receita e un proceso que apenas mudaron dende hai 56 anos. Este xeito de facer as cousas e a excelente materia prima que é o Leite de Pastoreo son o noso único segredo.

Os iogures  Larsa séguense vendendo por unidades, sen packs pechados, porque cremos que cunha variedade tan ampla debemos darvos a oportunidade de facer vosa propia selección. Pero, e o vaso? Seguro que non mudou? Actualizamos a imaxe algunhas veces, como podes ver na fotografía deste post.

Os nosos primeiros Iogures Tradicionais de sabores

Os primeiros iogures  Larsa foron os naturais, pero ao longo da década dos 70 comezamos a construír a gama de iogures máis ampla do mercado cos Larsa de Amorodo, Plátano, Ananás e Vainilla. Aí o tes, o noso iogur con máis fans e o máis vendido en Galicia ten preto de 50 anos! E á vista está que está de moi bo ver…

A verdade é que en cuestión de sabores a nosa cabeza non para… Ata o de agora chegamos a máis de 30 tipos de iogur distintos pero debemos recoñecer que medio de broma medio en serio, propúxosenos case de todo, como o Larsa de  Papaia e Manga, o de Pementos de Padrón e o de Polbo á  Feira. Moito niso tivo que ver o noso lanzamento da Sobremesa de Licor Café, en 2016. 

Sobremesa de Licor Café. O fenómeno.

Foi un auténtico boom que desatou un interese que multiplicou por 10 nosas previsións de fabricación. O 3 de outubro de 2016 comezamos a elaborar as primeiras 6.500 Sobremesas de Licor Café. É unha data que os nosos empregados de Vilagarcía nunca esquecerán porque foi o inicio dun boom que chegou ao seu punto culmen en novembro. E costounos chegar a todos os #Larseiros que querían probar a novidade de Licor Café. Dedicamos semanas enteiras a elaborar Sobremesa de Licor Café. E non dabamos feito!  Imaxínas o que ocorrería se lanzásemos o #IogurPasará

Xa cho contamos; non hai máis segredo nos nosos iogures que a elaboración tradicional. É unha forma de respectar a tradición, a nosa tradición. Iso e o noso Leite de Pastoreo Larsa, leite de vacas que pastan en liberdade, como se fixo sempre en Galicia, e que ten un sabor e unha textura extraordinaria que non se esquece. Tes recordos Larseiros dos nosos iogures? Cóntanolo nas nosas redes sociais! 

543