O iogur grego é un deses ingredientes que converte calquera sobremesa en algo moi especial. A súa textura suave, o seu sabor fresco e a súa versatilidade tórnao no ingrediente perfecto para preparar as mellores sobremesas. Ademais, como o noso Iogur Galaikos Natural (o noso grego) está elaborado con leite de Pastoreo, a cremosidade está máis que garantida.
Daquela, se queres sorprender aos teus convidados ou simplemente tes un antollo, deixámosche varias ideas irresistibles para que goces dos nosos Iogures de Pastoreo Galaikos nas túas sobremesas máis larseiras 😉. Son ideais para calquera festa, desde as ceas de Nadal ata unha comida entre amigos en pleno verán.
1. Torta de Iogur Galaikos Natural
Se che presta unha sobremesa fresquiña, cremosa e fácil de preparar, esta torta de Iogur Galaikos Natural con mascarpone é perfecta. Sempre será un éxito en calquera ocasión.
Ingredientes
- 200 g de galletas tipo dixestive
- 100 g de Manteiga Tradicional Larsa
- 500 g de queixo crema ou mascarpones
- 150 g de azucre
- 4 follas de xelatina
- 1 culleradiña de extracto de vainilla
- Marmelada ou froita para decorar
Preparación paso a paso
- En primeiro lugar, trituramos as galletas ata obter un po fino cunha batidora ou cunha bolsa resistente e un rolete.
- Agora derretemos a Manteiga Tradicional de Larsa e mesturámola coas galletas trituradas ata obter unha pasta homoxénea.
- Coa mestura cubrimos a base dun molde, prensando ben co dorso dunha culler para que quede compacta e reservámola no frigo mentres preparamos o recheo.
- A continuación, batemos o queixo crema ou mascarpone co azucre ata conseguir unha crema suave e sen grumos. Engadimos o Iogur Galaikos Natural e mesturamos ben.
- Mergullamos a xelatina en auga fría durante 5 ou 7 minutos e logo, quentámola suavemente, sen ferver, ata que se funda por completo.
- Incorporamos a xelatina xa disolta á mestura de queixo e iogur, batendo ben para que se reparta de maneira uniforme. Engadimos o extracto de vainilla e mesturamos de novo ata obter unha crema homoxénea.
- Cando a mestura estea lista, vertémola sobre a base de galletas e cubrimos o molde con papel transparente. Gardámola no frigo durante polo menos 4 horas.
- Para rematar, desmoldamos con coidado e decoramos cun pouco de marmelada ou froita fresca por enriba.
- E listo! Agora toca gozar desta deliciosa torta perfecta para calquera ocasión.
2. Iogur Galaikos, queixo e marmelada de figos
As sobremesas en vaso son moi fáciles de preparar, moi vistosas e perfectas tanto para unha cea máis formal como para un capricho do cotián. Ademais, nesta receita podes empregar o noso Iogur Galaikos con Leite de Pastoreo, o Iogur Galaikos Natural con Mel ou o noso Iogur Galaikos con Arandos.
Ingredientes
- 200 g de queixo crema
- 25 g de azucre glas tamizado
- Extracto de vainilla
- Reladura de limón
- Marmelada de figos
- Unha presa de améndoas torradas
Preparación paso a paso
- En primeiro lugar, mesturamos o Iogur Galaikos que elixamos co queixo crema, a reladura de limón, o extracto de vainilla e o azucre glas tamizado. Batemos todo ata obter unha crema homoxénea e suave.
- A continuación, preparamos a marmelada de figos ao gusto, diluíndoa lixeiramente se estivese demasiado espesa.
- Nos vasos, colocamos primeiro un fondo de marmelada, despois unha capa de crema, outra de marmelada e, para rematar, máis crema.
- Refrixeramos os vasiños ata o momento de servir e, xusto antes, engadimos unhas améndoas torradas e un pouco de reladura de limón por enriba.
- E listo! Agora toca gozar dunha sobremesa lixeira, aromática e chea de texturas.
3. Filloas ou tortitas de Iogur Galaikos Natural
A fin de semana merece un almorzo rico e, sen dúbida, estas filloas son perfectas para os nosos larseiros. Son suaves, esponxosas e cun toque cítrico, o que as converte nun clásico que sempre triunfa.
Ingredientes
- 2 ovos grandes
- 100 ml do leite de Pastoreo Larsa que consumas habitualmente
- 50 g de aceite de oliva virxe extra
- 280 g de fariña
- 50 g de azucre
- Reladura de laranxa
- Extracto de vainilla
- 1 cullerada de fermento
Preparación paso a paso
- Para comezar, mesturamos nun bol os ovos, o leite de Pastoreo de Larsa, o Iogur Galaikos, a reladura, o azucre, a vainilla e o aceite ata integrar ben todos os ingredientes.
- Agora tamizamos a fariña xunto co fermento e incorporámola á mestura húmida, removendo ata que non queden restos de fariña.
- Quentamos unha tixola cun pouquiño de Manteiga Tradicional Larsa e cociñamos as filloas durante uns 3 minutos por cada lado ou ata que estean douradas.
- Para rematar, empratamos cun pouco de froita fresca, mel ou marmelada.
- E listo! Goza destas filloas tenras, aromáticas e perfectas para un almorzo especial 😉.
4. Mousse de Iogur Galaikos
Unha sobremesa lixeira, cremosa e cun sabor suave que lles gusta a todos. Ademais, a súa preparación é máis sinxela do que parece.
Ingredientes
- 200 ml de Nata para montar Larsa
- 3 culleradas de azucre glas
- 3 claras de ovo
- 3 follas de xelatina
Preparación paso a paso
- Comezamos hidratando a xelatina en auga tépeda ata que estea lista para usar.
- Agora montamos as claras a punto de neve e a Nata para montar Larsa co azucre ata que queden firmes e aireadas.
- Deseguido, mesturamos o Iogur Galaikos Natural coa xelatina hidratada ata que se disolva por completo.
- Incorporamos a nata e as claras con movementos envolventes, coidando de non baixar a mestura.
- Refrixeramos a mousse ata que calle, polo menos 3 ou 4 horas.
- Para rematar, servimos en vasos individuais e decoramos con mel, froitos vermellos, noces ou marmelada. E… listo! Agora toca desfrutar desta deliciosa mousse.
Os nosos Iogures de Pastoreo Galaikos non só son saudables e nutritivos, senón que tamén transforman calquera sobremesa en algo especial. Xa sexa unha torta cremosa, un vasiño máis sofisticado con marmelada de figos, unhas filloas ou tortitas para o almorzo ou unha mousse máis lixeira, estas sobremesas son a escusa perfecta para sacar o lado máis doce e sorprender aos teus convidados con receitas sinxelas, frescas e deliciosas. A gozar, larpeiros!