Como conservar o queixo?

Se en algo estamos de acordo os larseiros é que o queixo é un manxar. Practicamente existe un para cada gusto e personalidade. De feito, o queixo foi o primeiro produto producido en Larsa en 1933: un queixo Arzúa elaborado de forma profesional.   

Dende ese momento, a nosa Quesería Larsa non parou de medrar, incorporando queixo Barra, queixo Bóla, queixo Galego con D.O. Arzúa-Ulloa, queixo Fresco, queixo Galego con D.O. Tetilla e algún máis.  

Con todo, sabemos que a moitos larseiros xórdenvos preguntas tipo: como conservar o queixo correctamente na casa? Ou que facer se lle sae mofo? Así que hoxe, imos resolver esas dúbidas relacionadas con como conservar o queixo en perfectas condicións.  

Ademais, non hai que esquecerse que estamos a falar dun produto natural e vivo, que necesita certos coidados para manter as súas propiedades.  

Por que é importante conservar o queixo

Ademais de para prolongar a súa vida, conservar o queixo é importante para manter as súas características únicas e protexer a nosa saúde. Os queixos son produtos derivados do leite, e son especialmente sensibles á proliferación de mofo e bacterias se non se almacenan e conservan correctamente.  

Algunhas razóns importantes para conservar ben o queixo son:  

  • Manter a súa calidade e o seu sabor: Cada tipo de queixo posúe un sabor e unhas características únicas que poden verse alteradas se non se conserva en boas condicións.   
  • Evitar o crecemento do mofo e das bacterias: o balor pode ser prexudicial para a saúde polo que conservar o queixo de maneira adecuada fará que o risco de aparición diminúa.  
  • Alongar a vida do queixo: aínda que o queixo é un produto perecedoiro, almacenalo ben, alongará a súa vida considerablemente.  

Como conservar o queixo na neveira

Debemos protexer os queixos dentro da neveira a unha temperatura que evite que se resequen e perdan así as súas propiedades organolépticas, que son aquelas que apreciamos polos sentidos, como o aroma, o sabor e a textura.  

A temperatura ideal para conservar os nosos queixos varía dependendo do tipo de lácteo. Os queixos de tapa dura ou curados deben conservarse entre os 8 e 12 graos, mentres que os queixos de pasta branda requiren temperaturas máis baixas, entre os 4 e 8 graos.  

Sen ningunha dúbida, o mellor lugar para conservalos é o caixón que adoitamos utilizar para almacenar as verduras, xa que é o lugar menos frío da neveira. Para darlle un pouco máis de protección, recoméndase envolvelos nun pano lixeiramente húmido.  

Para conservar o queixo curado na neveira, o ideal é untar unha capa de aceite de oliva que o protexa, potencie o seu sabor e manteña a súa frescura. Unha técnica milenaria!  

No caso das pequenas cuñas de queixo o mellor é envolvelas en papel parafinado ou encerado.  

O máis recomendable é comprar só a cantidade de queixo que se vai consumir, pero cando non é posible, unha boa conservación na casa é o mellor para gozalo durante máis tempo.  

Como evitar a formación de mofo no queixo 

Unha boa conservación do queixo é esencial para previr o mofo, aínda que hai algúns trucos larseiros que nos axudarán a evitar que este fungo apareza e se propague.  

Un método pouco coñecido é deslizar un coitelo sobre a superficie do queixo, coma se untásemos manteiga. Isto axudaranos a selar os poros do queixo e evitar a entrada de osíxeno, o cal mellorará a súa conservación na neveira e fóra dela.  

Tamén é fundamental ter unha adecuada hixiene de mans para manipular o queixo. Cunhas mans limpas evitamos a contaminación externa nos alimentos.  

Por outra banda, a conservación dos queixos frescos e tenros debe ser sempre en frío e dentro do seu envase orixinal. No caso de que veñan nunha bolsa, convén pasalos a un recipiente apto para alimentos e cun tamaño adecuado para que o queixo quede cuberto pola salmoira que axuda a conservalo.  

Estes trucos axudan a conservar mellor os queixos na casa. Se coñeces algún truco, cóntao a través das nosas redes sociais! 

1095