Se algunha vez probaches a salsa de mostaza con iogur, saberás que é unha combinación sinxela pero sorprendentemente apetitosa. O seu sabor cremoso e lixeiramente acedo dá un toque especial a todo tipo de pratos, desde ensaladas frescas ata carnes á grella. Ademais, é moi fácil de facer e só necesitas uns poucos ingredientes.
E que tal se a preparas co noso Iogur Natural con leite de Pastoreo? 😉 Dálle un toque aínda máis saboroso e cremoso, propio do Leite de Pastoreo.
De onde vén a salsa de mostaza con iogur?
Aínda que esta salsa pode parecer algo moderno e saudable, as súas raíces son bastante antigas. A mostaza, co seu sabor picante e forte, leva séculos nas cociñas de todo o mundo. En canto ao iogur, a combinación coa mostaza probablemente xurdiu nas cociñas de Oriente Medio e a área do Mediterráneo, como forma de suavizar e equilibrar o toque acedo e picante.
O interesante é que esta salsa non pertence a unha rexión ou estilo culinario específico, senón que se usa en moitos lugares do mundo, tanto en ensaladas frescas como en carnes asadas, hamburguesas ou mesmo acompañando pratos de vexetais. Sen dúbida, é unha salsa moi popular na cociña mediterránea e na de Oriente Medio.
Salsa de mostaza con iogur paso a paso
Facer esta salsa é moi sinxelo e non precisas ingredientes difíciles de atopar. Aquí contámosche como elaborala:
Ingredientes
- 60 g de mostaza
- Unha cullerada de mel (opcional)
- Unha cullerada de vinagre de mazá ou limón
- Un chisco de sal
- Un chisco de pementa
Elaboración
A preparación é moi sinxela e consiste basicamente en mesturar os ingredientes. Segue estes pasos:
- O primeiro que imos facer é mesturar o iogur coa mostaza. Nun bol, agregamos o Iogur Natural con leite de Pastoreo e a mostaza.
- Engadimos o vinagre de mazá ou o xugo dun limón para darlle un toque acedo que equilibrará os sabores. Removemos ben coa axuda dun batedor de man ata acadar unha salsa ben integrada.
- Agregamos o mel para darlle un toque doce. Este paso é completamente opcional, pero é ideal para contrarrestar a acidez da mostaza. Engadimos aos poucos e imos probando para asegurarnos de que non quede demasiado doce.
- Engadimos un pouco de sal e pementa ao gusto.
- Coa axuda do batedor de man ou dunha culler, mesturamos ben todos os ingredientes ata obter unha salsa suave e homoxénea. E listo! Así de fácil tes a túa salsa de mostaza con iogur.
Truquiños larseiros para unha salsa de mostaza con iogur perfecta
- Elixe unha boa mostaza. Recomendamos empregar a mostaza tipo Dijon, por ter un toque máis forte e picante que a mostaza amarela.
- Xoga con diferentes especias para darlle un xiro á túa salsa. Se che gustan os sabores máis atrevidos, podes experimentar con allo en po, ceboliño picado ou mesmo cun toque de caiena para conseguir un sabor máis picante.
- Se prefires unha salsa máis suave e lixeira, podes substituír parte do Iogur Natural con leite de Pastoreo Larsa por un pouco de Leite Tradicional de Pastoreo Larsa (enteiro, semidesnatado ou desnatado). Isto fará que a salsa sexa máis fluída e menos densa, converténdoa nunha salsa perfecta para usar como aderezo en ensaladas.
- Deixa repousar a salsa. Aínda que pode usarse inmediatamente despois de preparala, se deixas a salsa repousar na neveira polo menos 30 minutos, os sabores asentaranse mellor e gañarán en intensidade.
Variacións da salsa de mostaza con iogur
Esta receita é moi versátil e podes adaptala a diferentes gustos. Aquí deixámosche algunhas ideas:
- Salsa de mostaza con iogur e herbas: Se es fan das herbas frescas, podes engadir un puñado de perexil picado, aneto ou alfábega. Estas herbas daranlle un toque fresco e aromático que combina moi ben coa mostaza e o iogur.
- Salsa de mostaza con iogur e aguacate: Se o que queres é unha versión da salsa máis cremosa e suave, agrega medio aguacate maduro á mestura. O aguacate achega cremosidade, suaviza a salsa e combina moi ben co sabor da mostaza e o iogur.
- Salsa de mostaza con iogur exótica: Se che gustan os sabores especiados, podes engadir comiño, cúrcuma ou curry en po. Estas especias daranlle á túa salsa un sabor único e moi especial. O curry, por exemplo, achegará un sabor cálido e unha cor vibrante que fará que a salsa luza incrible.
Con que acompañar a nosa salsa de mostaza con iogur?
Unha das mellores cousas desta salsa é a súa versatilidade. Aquí van algúns usos:
- Ensaladas: Un toque de salsa de mostaza con iogur sobre unha ensalada de follas verdes con pito á grella é un xantar lixeiro e delicioso.
- Carnes á grella: Esta salsa vai de marabilla con carnes como pito, porco ou peixe. Tamén é perfecta para hamburguesas.
- Verduras: Se che gustan as verduras asadas ou ao vapor, esta salsa de mostaza con iogur daralles un toque único e refrescante.
- Sándwichs e wraps: Utiliza esta salsa como recheo para un sándwich ou wrap. Unha opción que queda igual de ben que a nosa maionesa con iogur ou a nosa salsa de iogur caseira Larsa.
Sen dúbida, a salsa de mostaza con iogur é unha receita fácil de facer e deliciosa. Ademais, a súa versatilidade permíteche experimentar con diferentes variacións para adaptala ao teu gusto. Así que a próxima vez que busques unha salsa cremosa e saborosa, xa sabes que a combinación de mostaza e iogur será sempre a opción perfecta. Gózaa!