O queixo, sempre a punto

O queixo, sempre no seu punto perfecto de conservación

Encántanos o queixo! É saboroso e moi versátil na cociña, pero sabemos conservalo ben?

O ideal é mercar xusto o anaco de queixo que desexamos consumir, pero ás veces non temos a posibilidade de comprar un pedazo suficientemente pequeno como para consumilo dunha soa vez e toca conservalo en casa.

Como norma xeral, os queixos deben estar protexidos e conservados no frigorífico a unha temperatura que evite que se resequen e perdan as súas propiedades organolépticas.

A temperatura ideal para conservar os nosos queixos vai variar do tipo de queixo do que se trate. Os queixos de tapa dura débense conservar entre os 8 e os 12 graos, mentres que os queixos de pasta branda consérvanse mellor a temperaturas máis baixas, entre os 4 e os 8 graos.

Debemos lembrar, que estamos a falar dun produto natural e vivo, que precisa certos coidados para manter todas as súas propiedade

O queixo no frigo, pero onde?

No caso de que o conservemos na neveira debemos utilizar os caixóns habitualmente destinados para almacenar as verduras, pois son as zonas menos frías da neveira. O ideal é que, se o queremos conservar durante certo tempo, envolvámolo nun pano lixeiramente humedecido.

En caso de manexar formatos de maior tamaño e pasta dura, podemos untalos con aceite de oliva e así quedarán máis protexidos. Se, pola contra, o que queremos protexer é unha porción ou pequena cuña, o ideal será o seu envase orixinal ou ben papel  parafinado ou encerado.

Como evitar a formación de balor no queixo

Un truco para evitar que penetre no queixo o posible mofo, consiste en pasar un coitelo pola superficie antes de gardalo, coma se untásemos manteiga. Deste xeito, taponamos a entrada de osíxeno ao interior.

Pola súa banda, os queixos frescos e tenros deben conservarse en frío, dentro do seu envase orixinal ou ben en caso de vir nunha bolsa pasarse a un recipiente de uso alimentario co tamaño adecuado para que o queixo quede cuberto pola salmoira. É importante manipular os queixos de forma hixiénica para non contaminar o queixo nin a salmoira.

845