A mellor maridaxe para os nosos queixos Larsa

Non hai nada que defina máis a nosa terra que unha abundante e longa sobremesa rodeado dos teus. En Larsa sabemos que un dos protagonistas nas nosas mesas é un bo queixo. Este alimento, tan habitual nas nosas casas e neveiras, ten un importante valor nutricional, polo que incorporalo á túa dieta é unha sabia decisión para gozar dunha alimentación variada, saudable e equilibrada.

En Larsa somos expertos queixeiros e levamos elaborando este delicioso produto derivado do leite desde o ano 1933, respectando a receita tradicional como no caso do Queixo Galego con D.O. Arzúa-Ulloa.

Pero sabías que podes gozar aínda máis de cada bocado combinándoo con outros alimentos? Contámosche cales son as nosas propostas para a maridaxe dos nosos queixos.

Que é a maridaxe de queixos?

A maridaxe de queixos non é máis que atopar a combinación perfecta entre un queixo e outro alimento, como froitos secos, froitas, marmeladas, ou mesmo un bo viño, que realce e potencie os sabores e características de ambos produtos.

Unha boa maridaxe farache gozar dunha experiencia gastronómica única, sobre todo polo sabor único do noso Leite Galego 100% de Pastoreo. Anímaste?

Como maridar os nosos queixos Larsa?

Es máis de Queixo Bóla ou de Queixo de Tetilla? Prefires o queixo D.O. de Arzúa ou o queixo fresco? Na nosa Queixería Larsa atoparás o que buscas, temos a parella perfecta para cada un dos nosos queixos.

  • Queixo Bóla con Leite de Pastoreo é un clásico larseiro que non pode faltar na túa mesa. Este queixo é suave, polo que un alimento crocante sería o contrapunto ideal. A maridaxe perfecta para o teu queixo Bóla? Próbao con noces ou améndoas. Os froitos secos contrastan coa cremosidade do queixo, mentres que o seu leve toque acedo en boca resalta as notas lácteas. Se non queres fallar e es máis lambón, acompáñao cun anaquiño de marmelo. A combinación da súa dozura coa suavidade do queixo é sinxelamente espectacular. Xa o di o dito, marmelo con queixo sabe a beixo!
  • Queixo en taco San Simón afumado e madurado ten un sabor moi característico, grazas ao afumado na súa elaboración. Para un queixo con sabor profundo, textura firme e notas afumadas, o acompañamento perfecto son alimentos doces como o marmelo ou consistentes como unha boa marmelada de pemento ou confeitura de pera. O chocolate negro con froitos secos é tamén unha opción de maridaxe irresistible para queixos afumados. Converte o noso queixo en taco San Simón afumado no rei da táboa con estas combinacións.
  • Queixo Galego con Denominación de Orixe Arzúa-Ulloa ou queixo do país é, sen dúbida, un das sobremesas principais nas comidas do domingo. A súa cremosidade e suavidade encaixa á perfección con pan, embutido, froitos secos ou marmelo. Se queres un toque máis doce ao teu maridaxe con este queixo tan zumarento, engade un pouco de mel ao teu Queixo con D.O. Arzúa-Ulloa, un contraste simplemente irresistible.
  • Queixo Galego con Denominación de Orixe Tetilla é inconfundible, non só pola súa forma, senón pola súa textura cremosa e sabor suave cun punto de acidez. Se o maridas con marmelo ou dátiles conseguirás unha combinación espectacular. Outro tándem perfecto é o Queixo de tetilla con anchoas, logrando un contraste salgado. Ademais, este queixo tan particular é o ingrediente ideal para un bo recheo nunha empanada ou para gratinar un produto tan delicado coma o polbo.
  • Queixo Fresco Larsa é lixeiro e refrescante. Podes acompañalo cuns toros de tomate, se son da casa moito mellor, un chorriño de aceite de oliva e un chisco de sal. Perfecto para unha cea sa ou como acompañamento da túa comida. Pero se che gusta o contraste doce, próbao con pexegos almibrados. Tamén queda espectacular o queixo fresco cun pouco de marmelo, mel e noces, para unha merenda ou cea sinxela.

Por que consumir queixo de forma habitual?

Sabemos que o queixo é un dos produtos máis consumidos en todo o mundo polo seu sabor, variedade e a súa versatilidade. Agora ben, cales son as razóns principais para incorporar este derivado lácteo na túa alimentación diaria? O queixo, cuxa composición é esencialmente graxa láctea e proteínas de alto valor biolóxico, é un alimento que achega todos os aminoácidos necesarios para a formación e reparación de tecidos.

En canto á graxa láctea, maioritariamente saturada, se se consome nas cantidades adecuadas, pode asociarse con niveis de colesterol máis saudables en persoas con hábitos de vida sans.

O queixo é fundamental para fortalecer e reforzar a túa saúde ósea, xa que o seu contido en calcio e vitamina D convérteo nun aliado importante para previr enfermidades que afectan os ósos como a osteoporose.

Aínda que o queixo conteña sal, non está relacionado cun maior risco de sufrir hipertensión ou enfermidades cardiovasculares, e mesmo podería ter un efecto protector ou neutro ante afeccións como a obesidade. O motivo? O papel do calcio sobre a adiposidade ou o poder saciante deste alimento.

Lembra que os nutricionistas recomendan a inxestión de 2 ou 3 racións de lácteos ao día. E en Larsa contamos con tantas variedades que poderaste converter nun auténtico #cheeselover!

Atopa a verdadeira esencia galega en cada bocado e goza de queixos co sabor máis tradicional. Xa sabes que, con Larsa, todo sabe mellor.

431