Seguro que algunha vez abriches un iogur e viches ese pequeno líquido que aparece na superficie. Ou quizais escoitaches falar das famosas proteínas whey tan populares no mundo do deporte. Pois ben, ambos teñen algo en común: o soro do leite.
Durante moito tempo, este líquido pasou bastante desapercibido e moita xente víao simplemente como un “resto” da elaboración do queixo ou do iogur. Pero hoxe sabemos que o lactosoro, como tamén se lle coñece, ten moitísimo máis detrás do que parece.
E a verdade é que non nos estraña. Porque, aínda que teña un aspecto sinxelo, contén proteínas, minerais e vitaminas que o converten nun ingrediente moi interesante tanto a nivel nutricional como na cociña.
Ademais, o mellor de todo é que non fai falta complicarse demasiado para gozalo. De feito, podes preparalo facilmente na casa e utilizalo en moitísimas receitas do día a día 😉.
Que é exactamente o soro do leite?
O soro do leite é a parte líquida que se obtén cando o leite coagula durante a elaboración de queixos, iogures e outros produtos lácteos.
Cando isto sucede, o leite divídese en dúas partes:
- O callo ou parte sólida, que se utiliza para elaborar queixo, como na nosa queixería Larsa.
- O líquido restante, que é o soro do leite.
Aínda que a simple vista poida parecer só auga lixeiramente amarelada, en realidade conserva boa parte dos nutrientes solubles do leite orixinal.
Está formado por todas as proteínas solubles en auga, a lactosa, os minerais, as vitaminas e unha pequena parte da fracción graxa.
E hai un dato curioso: o lactosoro representa aproximadamente o 90 % do volume total do leite. Vaia, que non falamos dunha parte pequena.
De “subproduto” a ingrediente estrela
Durante moitos anos, o soro do leite pasou bastante desapercibido dentro da industria alimentaria. Porén, pouco a pouco empezouse a descubrir todo o potencial que agochaba este ingrediente.
Hoxe está presente en produtos deportivos, repostaría, fórmulas infantís e mesmo en moitos alimentos enriquecidos.
O motivo? A súa composición.
O lactosoro contén aminoácidos esenciais que o corpo necesita e non pode sintetizar para moitas funcións importantes, especialmente as relacionadas co mantemento muscular e a recuperación. Ademais, as proteínas do lactosoro poden favorecer beneficios antioxidantes.
Así que si, ese pequeno líquido que moitas veces apartabamos sen pensar ten bastante máis valor do que parece.
Receita de soro do leite paso a paso
Preparar soro do leite caseiro é moito máis sinxelo do que parece. E ademais só necesitas dous ingredientes.
Ingredientes
- 1 litro de Leite enteiro Larsa
- 5 culleradas de zume de limón ou vinagre
Receita caseira paso a paso
- O primeiro que imos facer é quentar lixeiramente o Leite enteiro Larsa sen que chegue a ferver.
- A continuación, engadimos o zume de limón ou o vinagre mentres removemos suavemente.
- Despois, deixamos repousar a mestura uns minutos a temperatura ambiente.
- Pouco a pouco van empezar a formarse pequenos grumos e vai aparecer un líquido amarelado.
- Seguidamente, coamos a mestura para separar a parte sólida do líquido.
- Para rematar, conservamos o soro do leite no frigorífico.
- E listo. Xa temos o lactosoro caseiro preparado para utilizar en diferentes receitas.
Tipos de soro do leite e o seu beneficio no deporte
Aínda que adoitamos falar de “soro de leite” de maneira xeral, existen dous tipos principais, que se distinguen polo seu contido en minerais, a acidez e a composición das súas proteínas.
- Soro doce: obtense na elaboración de queixos curados ou duros. Ten un sabor máis suave e algo máis de lactosa.
- Soro ácido: aparece en produtos como queixos frescos ou iogures. Adoita conter máis minerais.
Os dous son moi utilizados porque teñen un sabor bastante neutro e funcionan moi ben en distintas preparacións.
Ademais, o soro do leite foi gañando protagonismo no mundo do deporte, especialmente porque forma parte das proteínas whey, moi presentes en batidos e preparados que se consumen arredor do adestramento e da actividade física.
Tamén é habitual en produtos enriquecidos e fórmulas específicas, onde se valora a súa facilidade para integrarse en distintas formulacións. Utilízase na alimentación infantil e hospitalaria, onde se aprecia a súa versatilidade e o seu comportamento en diferentes preparacións.
En definitiva, o soro do leite é un ingrediente moi presente na industria alimentaria pola súa capacidade de adaptación e polo doado que resulta incorporalo a distintos produtos do día a día.
Ideas para usar o soro do leite na cocina.
Aquí é onde moitos larseiros vos ides sorprender, porque o soro do leite ten moitísimas máis aplicacións das que parece 😉.
Máis alá do seu uso máis coñecido na nutrición deportiva, na cociña é un ingrediente moi práctico que pode axudarche a mellorar a textura, o sabor e o valor nutricional de moitas das nosas receitas.
Podes utilizalo para preparar masas doces e achegar máis humidade e conseguir un resultado moito máis zumarento. Funciona moi ben en receitas como a bica de mazá de Paula María, a torta de castañas ou a receita Larpeira de San Xoán.
En almorzos ou merendas, podes incorporalo en receitas como as nosas Filloas de Entroido substituíndo parte do leite habitual. O resultado é unha textura máis suave e un toque lixeiramente diferente que queda especialmente ben con froitas, mel ou os nosos Iogures Larsa.
Outra opción moi interesante é incorporalo a sopas ou cremas, como na nosa receita de Crema fría de cogombro con iogur grego e menta, a Crema de queixo Arzúa-Ulloa e brócoli ou a nosa famosa Crema de grelos, empregándoo como base líquida ou substituíndo parte da auga ou do caldo, o que enriquece o prato dun xeito sinxelo.
Ademais, é unha forma moi doada de achegar un extra de proteínas a distintas receitas do día a día sen ter que cambiar demasiado os teus hábitos na cociña.
E un pequeno truco larseiro é que se o noso Iogur Natural con leite de Pastoreo ou calquera iogur natural do mercado trae algo de soro na superficie, non fai falta retiralo. Abonda con removelo para conservar todos os seus nutrientes e sacarlle o máximo proveito.
Así que a próxima vez que vexas ese líquido nun iogur ou escoites falar de proteínas whey, xa saberás todo o que hai detrás deste ingrediente tan sinxelo… E tan larseiro! 😉